O programa, que se realizará dende maio ata xullo, inclúe unha andaina, rutas guiadas, xogos e un concurso de fotografía, entre outras actividades.

A Concellería de Saúde de Ourense pón en marcha o programa “Ocio en familia”, que pretende ofrecer ás familias da cidade a posibilidade de desfrutar dun ocio en común, san, alternativo e divertido, que ademais facilite a conciliación familiar e laboral durante as fins de semana. Dirixido a familias con nenos e nenas de 8 a 14 anos, «Ocio en familia» propón diferentes actividades coas que fillos e protenitores terán a oportunidade de descubrir a cidade, practicar deporte e xogar, potenciando a curiosidade dos rapaces dun xeito lúdico.

A concelleira de Saúde, Marga Martín e a técnica municipal Luisa Rodríguez presentaron este novo programa municipal, que inclúe media ducia de propostas, gratuítas, que se desenvolverán desde maio ata xullo. A primeira delas é a Andaina sen fume do 31 de maio. O programa continuará o 7 de xullo coa actividade «Mira Ourense con outros ollos», un paseo pola zona antiga da capital.

Xogos para compartir, o 14 de xuño, visita ao Centro de Interpretación da auga e á ruta termal, con desprazamentos no tren das termas e incluíndo un baño saudabel, o día 21 dese mes, e o percorrido nocturno «A luz da lúa» o 27 de xuño, rematando na verbena das festas de Ouernse, son outras das iniciativas dun programa que remata coa exposición do I Concurso de Fotografía a partir do 5 de xullo.

As familias interesada poden inscribirse ata o día 27 de maio, ou solicitar máis información na Concellería de Saúde, na rúa da Concordia nº 20 entrechan, teléfono 988510622. No caso do concurso de fotografía, o prazo estará aberto ata o día 1 de xullo.

O obxectivo deste novo programa é que nais e pais podan desenvolver as habilidades que fomenten una dinámica de convivencia familiar positiva e que facilite o desenvolvemento integral de menores e adultos no ámbito familiar, dando resposta á demanda dos menores de pasar máis tiempo cos proxenitores e destes e destas de coñecer alternativas de ocio saudable.

Escola de Nais e Pais e Servizo de apoio ás familias

“Ocio en familia” únese aos programas de educación familiar que desenvolve a Concellería de Saúde, co obxectivo de apoiar a nais e pais no proceso evolutivo, madurativo e educativos dos nenos, tentando fortalecer o seu papel referencial e potenciar a comunicación e as habilidades sociais necesarios para favorecer un bo clima emocional e de relación.

A Concellería desenvolve programas de prevención universal, como Escola de Nais e Pais, e de prevención selectiva: SMaFF (Servizo municipal de apoio ás familias con fillos/as), que presta atención directa aos proxenitores e axentes educadores que o soliciten ante calqueira problema de tipo condutual.