Os candidatos de OUeC Miguel Doval e Carlos García  reuníronse co presidente do CCAOC Luís Rivera, co tesoureiro desta asociación, Gaspar Sierra, e coa xerente,Lorena Tato.

Tras explicarlles o seu proxecto, os candidatos de Ourense en Común interesáronse en coñecer as demandas dos comerciantes do centro de Ourense. Os pequenos empresarios amosáronlles as súas queixas «pola pouca implicación e falta de colaboración en xeral das administracións, o que deriva en políticas mal axeitadas para o desenvolvemento do comercio local. Din ademais que a ausencia de acordo entre os distintos grupos políticos que conforman a día de hoxe o Concello e as marcadas diferencias entre a administración local, a provincial e a autonómica imposibilitan avances na resolución de problemas importantes», recollen desde OueC nun comunicadon.

Desde o CCA Ourense Centro tamén fixeron referenza ao alto custo das taxas municipais, principalmente o IBI. «Avogan por unha revisión deste imposto e unha maior progresividade. Critican do mesmo xeito o feito de ter tantos impedimentos para dotar os comercios da debida accesibilidade para as persoas con diversidade funcional, solicitan  axuda técnica e económica», sinalan desde OueC.

Os comerciantes esixen tamén un mesmo calendario de apertura para os pequenos comercios ca para os grandes centros comerciais para evitar a competencia desleal, e denuncian o trato «privilexiado» das grandes cadeas por parte do Concello «ata o punto de que non colaboran en gastos comúns dos comercios da zona como por exemplo o pago do alumeado de Nadal». Con respecto precisamente ao alumeado, que ata hai moi pouco o pagaban só os comerciantes, chega tarde e mal, revertindo de forma negativa no consumo. Comunican así mesmo que a Mesa Local de Comercios, na que se sentan representantes das asociacións de comerciantes co Concello e a Xunta, está practicamente desactivada. Só teñen algunhas sesións para informar dos programas de axudas.

En conclusión, Ourense Centro solicita un acordo entre as diferentes forzas para elaborar e desenvolver un plan de actuación que axude ao pequeno comercio, engaden que as actuacións puntuais non serven para arranxar nada, é precisa unha planificación de accións que permitan a mellora da situación.

No programa electoral de Ourense en Común, subliñan, inclúen un Plan de Apoio ao Comercio e aos Produtos Locais para sensibilizar á poboación a través de accións de promoción como a creación dunha marca de calidade propia de Ourense, feiras, mostras, obradoiros, publicidade… Ademais recollen un plan integral para a revitalización de áreas comerciais e un programa completo de medidas que atenda ás necesidades concretas das PYMES.