O espectáculo terá lugar na Casa da Cultura de Allariz o domingo 10 de maio, ás 18 horas e está dirixido a un público familiar.

«Estamo no verán!!!» é un espectáculo configurado a partir da novela-CD editada por Galaxia e conta a historia duns amigos que no verán queren formar un grupo de música. As músicas deste disco de Xoán Curiel, e a súa banda Son+d2, serven de fío conductor para unha divertida historia narrada por Charo Pita, acompañada das fermosas ilustracións de Iván R.

Estilos como o rock, o reggae ou a bossa nova atópanse nun álbum para nenos e nenas entre seis e doce anos. O espectáculo a cuarteto está cheíño de música, historias, danza e coreografías que farán participar ao público e mergullarán aos rapaces e rapazas nun soño de verán.

«Estamo no verán!!!» vén precedido do gran éxito na presentación no Teatro Principal de Santiago de Compostela, na MOTI (Mostra de Teatro Infanti) no Auditorio de Ourense, ou no Salón do Libro no Pazo de Cultura de Pontevedra entre outros.