O Concello da Rúa terá que asumir a xestión, mantemento, conservación e explotación da superficie, edificacións e elementos de urbanización, mobiliario urbano e instalacións existentes na parcela.

 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica o decreto polo que se aproba a cesión de titularidade, por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, dunha antiga caseta de legoeiros situada no p.k. 1+970 da estrada OU-603, a prol do Concello da Rúa.

A Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á cesión de titularidade dos 625 metros cadrados que determinan a totalidade da superficie, así como as edificacións e todos os elementos de urbanización, mobiliario urbano e instalacións existentes na dita parcela. Esta caseta de Legoeiros perdeu a súa utilidade como elemento funcional da estrada e non é previsible nin recomendable a súa recuperación para este uso.

O Concello da Rúa deberá levar a cabo as actuacións necesarias ante os organismos oficiais correspondentes para regularizar a titularidade da superficie, edificacións e elementos de urbanización, mobiliario urbano e instalacións existentes na parcela.

A entrega dos bens formalizarase no prazo nos dous vindeiros meses contando desde o 8 de maio.

Corresponderanlle ao Concello da Rúa, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da superficie, edificacións e elementos de urbanización, mobiliario urbano e instalacións existentes na parcela, así como o exercicio das funcións que puidesen corresponderlle como nova Administración titular.