Os nacionalistas refírense ao concurso para mercar sete camións de recollida de lixo meses antes de privatizar este servizo.

Desde o BNG opinan que a privatización vai significar «un aumento do custe do servizo e unha merma na calidade da prestación do mesmo» e por iso opóñense a ela. Así, consideran un «absoluto escándalo» que a poucos meses da privatización a Deputación «merque novos vehículos para regalarllos a concesionaria».

O Bloque recorda que xa ten denunciado en sucesivas ocasións que «a estratexia de Baltar e do PP na Deputación foi a de ir facendo cada vez un paquete máis grande de concellos integrados no servizo, para que o pedazo da tarta sexa máis suculento para as empresas».

Por iso tachan de «escandaloso, bochornoso e esperpéntico» o acontecido nestes últimos meses, «mesmo con plante incluído de varios alcaldes do PP nas primeiras reunión da comisión xeral de seguimento do servizo de recollida do lixo». «Polo que se ve, Baltar xa os convenceu que esa é a mellor solución, pero o que é bo para a empresa non é igual de bo para os cidadáns desta provincia, nin para as arcas provinciais», remata o comunicado dos nacionalistas.