Logo parque Montealegre

O deseñador ourensán Miguel Ángel García Chaler foi o gañador do concurso de imaxe, premiado con 1.500 euros.

 

Así o decidiu o xurado do concurso reunido o pasado mércores 29 de abril, que valorou no deseño a referencia ao carácter integrador do recinto como lugar de goce, divulgación e investigación da natureza.

A concelleira de Medio Ambiente, Susana Bayo, e o gañador do concurso, Miguel Ángel García Chaler, presentaron no propio parque a nova imaxe e explicaron con detalle o proceso polo que se chegou a este deseño final. Ao concurso presentáronse un total de 13 traballos, procedentes na súa maior parte de Galicia.

9.000 visitas nos últimos 12 meses

Na presentación, a concelleira de Medio Ambiente fixo balance dos visitantes que recibiu o parque entre marzo de 2014 e marzo de 2015, con 9.000 persoas. Estas cifras supoñen un incremento dun 30% con respecto ao mesmo período do ano anterior, con 6.400 visitas. Neste tempo, leváronse a cabo actividades de divulgación cun total de 766 participantes de todas as idades, que aprenderon a valorar o noso patrimonio vexetal e animal.

A exposición actual de plantas carnívoras recibiu visitas de colexios da provincia de Ourense, cun total de 362 escolares, ademáis de gran cantidade de público en xeral. Con motivo do atractivo xerado pola exposición e o bo estado das plantas, ampliarase un mes máis, manténdose aberta durante todo o mes de maio.

Colección de plantas

Coa incorporación no mes de abril dunha nova colección de 40 plantas exóticas de especies diferentes, Montealegre conta actualmente con 553 novas plantas, nun entorno que nestes dous anos non fixo máis que aumentar a nosa diversidade biolóxica.

Actividades en próximas datas

Dando continuidade ao programa de obradoiros en funcionamento nos últimos meses, Montealegre acollerá diversas actividades gratuítas destinados a adultos, nenos e nenas, todas elas relacionadas coa natureza e os animais. Así, o sábado 6 de xuño ás 17:30 terá lugar o obradoiro para adultos “As estratexias das plantas”, e o domingo 7 de xuño ás 11:30 a actividade para nenos e nenas “Explorador por un día. Percorre o parque durante un día e descobre o tesouro”.

Máis información e inscricións na Concellería de Medio Ambiente, no teléfono 988 388 135 ou na web www.botanicodemontealegre.com.