Concentración asesinato machista en Verín

Houbo unha concentración contra a violencia de xénero en Verín, mentres que na capital ourensá está convocada outra este sábado ás 20 horas fronte á Subdelegación.

 

Unánime condea polo asesinato da veciña de Verín María Isabel Fuentes a mans do seu marido nunha habitación do complexo hospitalario ourensán. Representantes públicos, partidos e colectivos amosan a súa repulsa ante este acto de violencia machista e animan a concentrarse. En Verín todos os partidos acordaron suspender os actos de campaña, iniciativa que tamén tomaron gran parte das formacións en Ourense capital.

Os primeiros en expresar a súa condena ante este asasinato foron os membros da corporación municipal de Ourense, que gardaban un minuto de silencio antes do inicio do pleno ordinario de maio. A media mañá, a entrada principal do Chou acollía unha concentración do persoal do hospital ourensán para condenar o acto de violencia de xénero que acabou coa vida de María Isabel Fuentes. En ambos casos gardáronse minutos de silencio, e en Verín, o rexedor deu lectura a un comunicado no que se condenaba esta morte.

“O máis sincero pésame á familia, e desexar que feitos ou delitos coma este se desterren totalmente da sociedade na que vivimos”, subliñaba o alcalde neste comunicado, “xa que a violencia de xénero constitúe un atento contra a integridade, a dignidade e a liberdade das mulleres e do conxunto da sociedade, ao que non podemos darlle as costas”.

Tamén condenaban o que é o primeiro caso de violencia de xénero en Galicia no que vai de ano desde a Delegación do Goberno en Galicia, que informaba de que non constaban que a vítima presentara denuncias previas por este motivo. O rexeitamento “absoluto a la violencia de género” tamén chegaba do propio ministro de Sanidade, Alfonso Alonso, que recordaba nun comunicado que esta morte elevaba a 11 o número de mulleres asesinadas neste 2015 en España como consecuencia da violencia machista. Igualmente, desde a Xunta de Galicia emitiuse un comunicado no que o Goberno galego expresaba “a súa máis firme condena” por este acto de violencia de xénero.

Concentración este sábado fronte á Subdelegación
A coordenadora local da Marcha Mundial das Mulleres de Ourense convocou para este sábado ás 20 horas unha concentración fronte á Subdelegación do Goberno “para berrarmos ben alto que estamos fartas, que nos queremos vivas e que xa basta de violencia cara ás mulleres”.

Suspensión da campaña electoral
Os partidos políticos lamentaron o asesinato de María Isabel Fuentes a mans da súa parella. Todos os partidos que se presentan ás eleccións en Verín, amais do BNG, Anova, Compromiso por Galicia, Democracia Ourensana na capital ourensá, decidiron suspender os seus actos de campaña na xornada de hoxe.

O PP, pola súa banda, suspendeu os actos no partido xudicial de Verín, mentres que no resto da provincia gardarán un minuto de silencio en cada acto electoral. Na cidade, ese minuto de silencio será ás 20.00 horas, antes do mitin inaugural de campaña, no Conservatorio

Asemade, Ourense en Común, pola súa banda, anulou os actos programados a partir das 19:30 horas do sábado “para que todas as persoas poidan acudir a título individual á convocatoria realizada pola Marcha Mundial das Mulleres en Ourense, diante da Subdelegación do Goberno”.

Pregunta no Congreso
Ademais, a deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, preguntou ao Goberno por que non se adoptaron medidas preventivas de protección para María Isabel Fuentes.

Davila dirixe unha batería de preguntas ao Goberno sobre estes dramáticos feitos: “Dado que había indicios de violencia de xénero, Non se puido actuar con previsión? Como se explica que o home puidese acercarse á muller asasinada con total liberdade no Hospital? É certo que a Garda Civil pediu unha orde de alonxamento e non se concedeu? De non ser así, Por qué non se protexeu á muller no seu ingreso hospitalario? Investigouse o suposto atraco no domicilio da parella? Investigouse ao marido e foi vixiado?”, son algunhas das cuestións que dirixe ao Goberno sobre este caso.

016
As distintas autoridades lembraron hoxe que as vítimas de violencia de xénero teñen a súa disposición o 016, un teléfono gratuíto que garante a confidencialidade da chamada, xa que non queda rexistrada na factura telefónica. Ademais, froito dun acordo entre a Xunta e o Goberno do Estado, as chamadas que se produzan ao 016 desde o ámbito territorial de Galicia derívanse automaticamente ao teléfono 900 400 273 ou ao 112 no caso de que a usuaria precise atención de emerxencia.