Os distintos partidos políticos decidiron suspender nesta xornada os actos da campaña electoral que ían ter lugar no municipio en sinal de loito.

 

O alcalde do Concello de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, en nome de toda a corporación municipal, vén de emitir un comunicado institucional no que “condenamos publicamente o acto de violencia de xénero que tivo lugar hoxe en Ourense, e que terminou coa vida de María Isabel Fuentes Fernández. Queremos manifestar a nosa consternación pola súa tráxica morte, e a nosa solidariedade cos familiares e amigos desta veciña da localidade, acompañándoos nestes momentos de dor e pesar”.

Ás 14 horas terá lugar unha reunión, con carácter de urxencia, da Mesa de coordinación para a eliminación da violencia de xénero, e ás 14.30 horas, convócase unha concentración diante da casa consistorial de Verín, “á que invitamos a participar a todos os nosos veciños”, e na que se lerá un comunicado en nome da Mesa e do Concello

Ademais, todas as formacións políticas que concorren aos comicios municipais do 24 de maio suspenderán todos os actos de campaña electoral previstos para hoxe no municipio de Verín.

O PSOE súmase á repulsa
Dende o Partido Socialista de Verín tamén se fixo pública a súa “condea firme ao asasinato de Dona María Luisa Fuentes a mans do seu esposo”.

Así mesmo, consideran que “esta nova forma de cancro que corroe a sociedade non se combate só con lamentos e comunicados de repulsa, esixe polo contrario, a implementación de políticas activas de prevención da violencia, políticas de apoio as víctimas e políticas de educación a cidadanía. Todo eso tense e debese facer con diñeiro púbico”.

Atención ás vítimas de violencia de xénero
Dende o Concello de Verín realízase un chamamento a toda a poboación co obxecto de protexer as vítimas e rematar co silencios que amparan a violencia de xénero. Uns actos que poden ser denunciados nos teléfonos 016 ou 900 400 273, así coma ante as Forzas e Corpos de seguridade ou nos Xulgados.

Ademais, recordan que o Concello de Verín conta cun departamento de Servizos Sociais e o Centro de Información ás Mulleres-CIM, servizos totalmente gratuítos que ofrecen atención permanente para as necesidades de todas as mulleres do municipio e bisbarra, de modo anónimo e confidencial.