Concentración contra a violencia machista no CHUO

A vítima, de 65 anos e veciña de Verín, foi acoitelada na habitación do complexo hospitalario ourensán na que se atopaba ingresada dende comezos de abril debido a unha agresión. AMPLIACIÓN.

Unha muller de Verín, de 65 anos, faleceu ao redor das 7 da mañá deste venres no CHUO a causa de varias coiteladas que lle propinou o seu home, de 76 anos.

A vítima, María Isabel Fuentes, estaba ingresada no hospital ourensán dende o pasado 3 de abril debido a unha agresión que sufrira na súa casa, e pola que estivo en coma ata hai unha semana.

Daquela o marido asegurara que as feridas foran causadas froito dun asalto. Dende entón a Garda Civil mantiña todas as liñas de investigación abertas, e non descartaba que se tratase dun caso de violencia doméstica, aínda que non había denuncias previas nin se acordara ningunha medida de protección para a vítima. Decretado o secreto de sumario, a investigación para esclarecer o acontecido está en curso.

O agresor está detido e permanece ingresado, logo de autolesionarse co mesmo coitelo que empregou para agredir á súa dona.