Concentración contra violencia de xénero

A Marcha Mundial das Mulleres esixe “responsabilidades” polo asasinato de Isabel Fuentes, durante a concentración contra a violencia machista deste sábado en Ourense.

Un cento de persoas sumouse na tarde do sábado á concentración convocada pola Marcha Mundial das Mulleres en repulsa do asesinato de Isabel Fuentes, veciña de Verín de 65 anos que foi acoitelada este venres no hospital de Ourense presuntamente polo seu marido.

Con carteis de #MachismoMata e #Querémonosvivas repartidos entre os asistentes, a voceira da Marcha Mundial das mulleres en Ourense deu lectura a un comunicado no que denunciaban este “asesinato machista” e esixían “responsabilidades”. “Os poderes públicos son responsables dunha morte que podería terse evitado”, rezaba o manifesto, no que tamén houbo críticas aos gobernos do PP, á “inacción” das forzas de seguridade e ao papel dos medios de comunicación, que moitas veces se refiren ás vitimas de violencia de xénero como “mortas” e non “asasinadas”.

“Cada asasinato é un ataque a todas e cada unha de nós, hoxe todas somos Isabel”, seguía o comunicado das representantes ourensás da Marcha Mundial das Mulleres, que desexaron que no futuro non houbera que realizar máis concentracións deste tipo, e de ser necesarias, volver ver nelas tanta xente como nesta ocasión.

O acto incluíu un a colocación simbólica sobre a escultura da “Castañeira” dun ramo de flores, dunha venda nos seus ollos e dun cartel cos datos desta última vítima de violencia de xénero. Pechouse cun sentido aplauso das persoas asistentes.

Presenzas e ausencias
Á concentración sumáronse moitos cidadáns de a pé así como candidatos dos partidos políticos que se presentan ás eleccións en Ourense, aínda que non todos. Estiveron membros das candidaturas do PSOE, BNG, Ourense en Común, Compromiso por Galicia, Anova, ou Movimiento Red.

En referenza aos políticos, a voceira da Marcha Mundial das Mulleres amosou a “rabia e indignación” porque este novo caso de violencia machista se despachara con palabras de condolencia e “siga o circo electoral”, pois na xornada do venres só se suspendeu por completo a campaña electoral en Verín.

Investigación
Con respecto a este crime, o Observatorio de violencia doméstica e de xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial anunciou que abrirá unha investigación para esclarecer as circunstancias da morte de Isabel Fuentes no complexo hospitalario ourensán.

A Garda Civil, que investigaba a primeira agresión á muller o pasado 3 de abril na súa casa de Pazos, Verín, pedira medidas de protección para ela, tras cuestionar a versión do marido, Aniceto Rodríguez, que atribuíra a agresión a uns ladróns. As súas peticións non foron estimadas pola xuíza que levaba o caso do presunto roubo.