Proposta BNG sobre transporte metropolitano

BNG-Asembles Abertas relanza a súa proposta de poñer en marcha un servizo de transporte metropolitano entre Ourense capital e os doce concellos que integran a súa área comarcal, infraestrutura que beneficiaría a 140.000 persoas.

 

“Comprometémonos a implantar este transporte de carácter comarcal. Plantarémonos no despacho de Feijóo se fai falta e non sairemos de alí ata que nos dean unha solución dunha vez por todas”, salientou a candidata á Alcaldía de Ourense, Susana García, durante o acto de presentación da iniciativa co portavoz nacional, Xavier Vence, e os candidatos e candidatas dos concellos limítrofes.

“Necesitamos este transporte para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas de todos os nosos concellos e levamos anos esperando”, recalcou García, quen reprochou ao candidato popular, Jesús Vázquez, “que se acorde en campaña disto cando o Goberno do que formou parte ata onte tiña na mesa unha proposta do BNG desde 2011 e non deu nin un só paso”.

A candidata por Ourense lamenta que para o PP primen “os intereses das empresas de transporte que os da cidadanía que espera dende fai anos por un billete único que lle permita vir a Ourense ao médico, facer compras, facer xestións, ou mesmo ir dende Ourense traballar aos parques empresariais que se atopan nos concellos que están próximos á cidade”, argumentou.

En nome dos municipios da comarca, o candidato por Barbadás, Xosé Manuel Fírvida, cualificou de “imprescindible” o servizo de transporte metropolitano, “que sirva para os cidadáns que vivimos nos concellos limítrofes de Ourense para facilitar o acceso aos postos de traballo nas áreas industriais ou comerciais e para poder acceder aos servizos da capital”.

“Este é precisamente un exemplo concreto desta aposta do BNG pola cooperación municipal a favor da xente, da que se beneficiarían 140.000 persoas”, subliñou Vence.

Intercambiador de 500.000 € inútil

A proposta para a Comarca de Ourense facilita a mobilidade da veciñanza da capital e dos concellos da súa área para ir aos centros de traballo, favorece o consumo local, o acceso á oferta de cultura e ocio, o desprazamento para recibir atención sanitaria e outro tipo de servizos.

A diario, miles de traballadores e traballadoras viaxan desde Ourense aos polígonos empresariais de San Cibrao das Viñas e de Pereiro de Aguiar, concellos limítrofes, potenciais usuarios do transporte metropolitano.

O acto tivo lugar á beira do intercambiador da Alameda, inútil pese ao seu custe de 550.000 euros en 2005, denunciou García, “un exemplo de mala xestión do PP na cidade desoíndo as advertencias da veciñanza e do grupo municipal do BNG”.

Na presentación desta iniciativa de transporte metropolitano estiveron presentes membros da candidatura BNG-Asembleas Abertas na cidade de Ourense, que lidera Susana García, así como das candidaturas dos concellos de Barbadás, Xosé Manuel Fírvida, A Peroxa, Antonio Mera; Amoeiro, Víctor Morenza; Coles, Vitor Manuel López, Nogueira de Ramuín, Carmen Armesto, Toen, Marcos Paz, San Cibrao das Viñas, Manuel Angel Estévez, Pereiro de Aguiar, Rubén García, Daniel Gómez por Paderne de Allariz, Rosa Pérez por Vilamarín e Noelia Currás por Taboadela.