Jesús Vázquez recalca que a eliminación de barreiras no fogar será unha das medidas coas que pretende mellorar as condicións de habitabilidade e independencia dos cidadáns con autonomía persoal reducida.

 

A eliminación de barreiras arquitectónicas será unha prioridade para o goberno de Jesús Vázquez no Concello de Ourense. Pero este esforzo por mellorar a accesibilidade non se limitará aos espazos públicos.

Tal e como avanza o candidato popular, dentro das medidas sociais que contempla no seu programa de goberno se atopa un programa de Eliminación de Barreiras no Fogar para mellorar, precisamente, as condicións de habitabilidade e independencia dos cidadáns con autonomía persoal reducida, garantindo a permanencia no seu entorno e, consencuentemente, incrementando a calidade de vida destas persoas dentro dos seus fogares.

Para iso, o Jesús Vázquez sinala que porá todo o seu esforzo en acadar convenios coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, así como co Goberno do Estado, para dotar de ascensores aqueles edificios que precisen unha urxente mellora nas súas condicións de habitabilidade. De feito, avanza que adicará medio millón de euros do orzamento municipal para cofinanciar estes convenios. «A nosa prioridade é facer un Ourense comprometido, solidario, cómodo e accesible para todos e todas», recalca o candidato do PP, quen manifesta que «coa supresión de gastos innecesarios no Concello, é preciso dotar de servizos e axudas necesarias dende a administración local, a máis cercana ás persoas».

Estas actuacións e dotación de ascensores se contemplarán en zonas da cidade xa declaradas área de rehabilitación (ARI), que son o Casco Histórico, O Polvorín, As Camelias e A Carballeira. Asimesmo, Jesús Vázquez anuncia que solicitará tamén esta declaración para o barrio de Covadonga, «debido ás necesidades que nos trasladan os veciños e que é necesario subsanar de inmediato».

Esta mellora na accesibilidade de vivendas é unha parte fundamental do fomento da rehabilitación que propón o candidato popular, para a que tamén se contempla o fraccionamento e aprazamento das taxas derivadas destes traballos.