Iniciativa mobiilidade de Ourense en Común

Este domingo á rtarde continúa as súas actividades con «O progreso en común» un roteiro crítico pola arteria principal da cidade.

Ourense en común puxo en marcha a súa campaña electoral apostando polo contacto directo coa veciñanza, o autofinanzamento, a austeridade e a creatividade. Deste xeito, os dous primeiros actos centráronse na cidadanía de mañá, as nenas e nenos do concello de Ourense e nun novo modelo de mobilidade.

Este sábado á mañá estableceuse unha zona de lecer nos xardíns do Padre Feijoo onde as pequenas puideron debuxar, contar, atoparse, escoitar e aprender. Un espazo interactivo, sen consumo, cargado de valores. Unha pequena cidade xardín onde a xente miuda puido imaxinar ese Ourense futuro que a candidatura municipalista albisca: unha cidade das persoas.‬

A partir das 18h, unha marcha ciclista percorreu distintas rúas da cidade en reivindicación dunha mobilidade sostible no entorno urbano. Ao tempo aproveitouse para identificar deficiencias e perigos presentes nas nosas rúas, tanto para a xente que aposta pola bici como medio de transporte como para os peóns. Esta acción procura reivindicar unha nova cidade pensada para ser vivida, na que o tráfico se vexa pacificado progresivamente e facilite un ritmo de vida máis tranquilo.

As actividades continúan hoxe domingo con “O progreso en común”, un roteiro crítico pola principal arteria da cidade (a partir das 17 horas) que procura a visibilización da súa realidade urbanística onde se xunta o poder coa esperanza, a grandeza coa banalidade, a arte co desastre e o patrimonio cultural co patrimonio económico duns poucos. Unha foto fixa do estado actual de Ourense.