Roteiro polo progreso de OUeC

A visita guiada por unha historiadora percorreu a rúa do Progreso dende a Ponte Romana e serviu para visibilizar a realidade urbanística da arteria principal da cidade.

 

Ourense en Común continúa ca súa campaña electoral apostando polo contacto directo coa veciñanza, o autofinanzamento, a austeridade e a creatividade. Este domingo á tarde candidatas de OUeC e veciñas guiadas pola historiadora Genma Pereira percorreron a rúa do Progreso dende a Ponte Romana. Alí puideron comprobar o estado dos Ben de Interese Cultural (BIC), a ponte e a capela dos Remedios, así como os atentados cometidos no leito do Miño e as zonas verdes das ribeiras. Durante a visita foron descubrindo o pasado dunha rúa que comezou a ser vítima das agresivas políticas urbanísticas, unha destrución do Progreso que comezou nos 50-60 e continuou nos anos 70 ata a actual situación de abandono.

O roteiro crítico “O progreso en Común. Artes e desastres do centro”, serviu para falar tamén de edificios tan emblemáticos como a Casa dos Taboada, o desaparecido Hotel Roma, que foi derrubado no ano 69 e substituído por vivendas. O Pazo Provincial que, segundo explicou Genma Pereira, levantouse para albergar unha empresa de textil, pagada pola Deputación e despois, alugáronse as oficinas. Tamén puidemos coñecer curiosidades como que o Centro Marcos Valcárcel, ou chamado ata hai pouco Edificio Simeón, foi unha tenda de tecidos ao por maior. Ou o Antigo Hotel Barcelona, que está en ruínas e aínda á espera de rehabilitación. E o edificio do século XIX que foi cárcere provincial é un espacio adecuado para ser autoxestionado por asociacións. Dende OUeC cederemos ese espazo e dende o Concello daremos apoio para a constitución dun Centro Social Autoxestionado.

Para a candidatura de Ourense en Común, o estado da rúa Progreso,  a arteria principal de comunicación da cidade de Ourense, «tamén é unha foto fixa do estado dun Ourense, que sofre polo peche de comercios, o abandono de edificios e a falta dunha planificación que consiga pacificar o tráfico e converter as rúas nun lugar máis saudable e seguro».

Por iso dende Ourense en Común apostan por unha cidade para as persoas, por realizar un mellor aproveitamento dos recursos, por fomentar a colaboración entre o público e o privado,  por que o patrimonio sexa responsabilidade conxunta, por facer de Ourense unha «cidade dos coidados. Das persoas, do patrimonio e do medio ambiente. Con espazos naturais protexidos e ríos limpos que sexan o noso legado para o futuro. Con barrios equilibrados nos que movernos e relacionarnos nas mellores condicións posibles. Cunha cultura de base que saia a rúa, e que nos axude a ser un pouco máis felices cada día. Queremos un Ourense do bo vivir. Un concello para as persoas!».