Avenida de Celanova na Valenzá

O BNG denuncia que o PP se dedicou durante o último mes «a encher de chapapote varias rúas da Valenzá e de outras parroquias do concello de Barbadás».

Este feito, a xuízo dos nacionalistas, «ademais de supor un despilfarro de diñeiro supón tamén un risco para a seguridade viaria, ao botar por enriba gravilla que facía moi deslizante o firme das estradas».

Coa chegada das temperaturas altas, ese chapapote comeza a derretirse, provocando que o firme se convirta «nunha capa pegañenta onde a circulación dos vehículos se fai imposible».

A situación creada na Valenzá é aínda peor. O chapapote botado estes días na rúa do Viso, unha rúa con moita pendente, veuse cara abaixo nunha verdadeira avalancha de chapapote, que chegou á avenida de Celanova, principal arteria da Valenzá.

A Policía Local víuse obrigada a cortar o tráfico tanto na rúa do Viso como na avenida de Celanova, o que está provocando grandes atascos, «fan retroceder aos coches desde a glorieta da Valenzá, e teñen que dar un rodeo para poder cruzar cara as parroquias», denuncian os nacionalistas.

Para o BNG de Barbadás estes feitos confirman o anunciado: «que esta enxurrada de chapapote ía supor graves problemas de seguridade e un despilfarro de diñeiro, que ademais do xa derrochado, vai supor agora un sobrecoste para arranxar o estragado». E poñen de responsable á candidata popular e concelleira Consuelo Vispo.