O candidato á alcaldía de Anova, Lito Prado, presentaba esta medida que facilitaría a igualdade entre xéneros no concello de Ourense.

 

Este luns á mañá nos baños públicos situados no Parque de San Lázaro da nosa cidade, o candidato á alcaldía Lito Prado e outros membros da candidatura, denunciaban a inexistencia de cambiadores para bebés nos baños públicos dependentes do concello, así como noutras instalacións que xestiona o PP desde a Xunta como hospitais, centros de saúde, ou oficinas administrativas.

Lito Prado, pai de 2 nenas, denunciou que é «unha auténtica falta de vontade política e falta de interese polas crianzas e pola corresponsabilidade familiar, non dispor dun simple cambiador para os bebés tanto nos baños de homes como nos de mulleres que existen no concello, xa que é un sorporte pouco custoso e que facilitaría moito a vida das nais e pais que teñen fillos pequenos». Anova comprométese a instalar esta doada infraestrutura en todos os baños públicos da cidade se ten responsabiliadades de goberno.

Especial fincapé merecen as instalacións públicas doutras cidades ou privadas nas que sempre está instalado o cambiador no baño das mulleres, coma se fosen elas as únicas responsables da crianza dos seus fillos en exclusiva. Lito Prado recalou o seu dereito como pai a poder cambiar ás súas fillas cando sae de paseo con elas e recalcou a necesidade de que esta dotación exista sempre nos baños de homes e nos de mulleres.

Segundo Lito Prado, «para que a sociedade machista na que vivemos comece a ser unha sociedade máis igualitaria, cooperativa e despatriarcalizada, estas son pequenas medidas que calquera goberno debía implementar desde hai tempo, xa que cunha inversión económica mínima podemos conseguir concellos máis igualitarios».