Xosé Mosquera propón como obxectivo a medio prazo traballar pola humanización e dinamización económica do Río Miño tanto nas beiras como no seu cauce.

Compromiso por Galicia quere pór en valor un dos maiores recursos naturais que ten Ourense, o río Miño. Na formación galeguista consideran que Ourense debe dinamizar un espazo de navegación turístico para comunicar as súas augas termais. Dito espazo podería definirse desde a Ponte Romana ata Outariz con posibilidade de continuar o proxecto ata Castrelo de Miño.

Xosé Mosquera é coñecedor da dificultade da implementación do proxecto, pero tamén da sua importancia para a cidade de Ourense. Dita iniciativa está a funcionar en outras cidades como Melbourne (Australia), e fan que sexa unha das cidades de maior calidade de vida do mundo, ou outras como París ou Oporto.

O proxecto debe contar tamén cunha vertente deportiva onde as rapazas e rapaces se acheguen a práctica de modalidades nauticas.

Mosquera entende que en Ourense debemos aproveitar tanto as beiras como os piares das pontes «para a ubicación de espazos de lecer, principalmente cafeterías ou restaurantes, incluso algún espazo termal. En definitiva, consiste en vivir de cara ao río e non de costas a el».

Iniciativas como esta favorecerían a actividade económica e turística, a humanización da cidade e a integración dos barrios, opinan desde CxG.