A deputada Carmen Acuña apunta a un “grave fallo xeneralizado de seguridade e coordinación” e reclamará unha xuntanza extraordinaria da Comisión de Igualdade do Parlamento.

 

A portavoz de Sanidade e Igualdade do Grupo Socialista, Carmen Acuña, esixiu este luns unha investigación sobre o falecemento dunha muller por violencia de xénero no hospital de Ourense o pasado venres a mans da súa parella. Advertiu que o propio asasino estaba pasando a noite precisamente a carón dela a pesar das sospeitas dun caso de violencia de xénero.

Acuña apunta a un “grave fallo xeneralizado de seguridade e coordinación” e esixe “as máximas garantías para que este tipo de situacións non se repitan”. A deputada socialista presentou unha pregunta oral no Parlamento para que a Xunta explique os protocolos de seguridade para casos de violencia machista no Hospital de Ourense.

Reclámalle ao Goberno galego que explique na Cámara autonómica o motivo da hospitalización da vítima e que certifique si, como publican os medios de comunicación, existían sospeitas de que fora ingresada orixinalmente por un caso de violencia machista.

Quere que a Xunta explique as medidas tomadas diante daquela sospeita, que supostamente tiña en alerta á Garda Civil, malia o cal o asasino confeso puido pasar as noites na mesma habitación da vítima ata que na noite do xoves ao venres decidiu acabar coa súa vida.

Xuntanza Extraordinaria

O Grupo Socialista trasladará á Mesa da Comisión de Igualdade e dos Dereitos das Mulleres, que se celebra este martes, unha solicitude de reunión extraordinaria e urxente da dita Comisión para analizar este caso.