A través do grupo parlamentar de AGE formularán unha pregunta á Conselleira de Sanidade, para confirmar o seu anuncio de aumentar un médico de atención primaria.

A reivindicación dun novo centro de saúde no concello do Pereiro de Aguiar é vella. «Xa no ano 2008 tanto veciños e veciñas como partidos políticos reivindicábamos a necesidade de ampliar o espazo dispoñibel para atender ás necesidades sanitarias das persoas residentes no Concello», salientan desde a candidatura Son de Pereiro de Aguiar..

O Pereiro de Aguiar, cun censo de poboación próximo aos 6.500 habitantes ten un centro de saúde con só dous médicos e unha ATS para atender consultas e persoas enfermas nos seus fogares.

«Que a un mes das eleccións municipais, a Conselleria de Sanidade faga o anuncio de aumentar cun médico máis o servizo de atención primaria, parécenos sospeitoso e un apoio político para que a actual equipa de goberno poda sacar peito da súa xestión para afrontar as vindeiras eleccións municipais», valoran desde esta candidatura, que preguntará no Parlamento galego á conselleira de Sanidade sobre este anuncio, a través dos deputado do grupo de Alternativa Galega de Esquerda.

Son de Pereiro de Aguair apoia as demandas da Plataforma pro Centro de Saude do Pereiro de Aguiar de amplair o centro de saúde actual, introducir un pediatra para atender aos máis de 800 menores do municipio, e contratar dous médicos máis en atención primaria.