A Festa do Boi 2015 desenvolverase entre o 30 de maio e o 7 de xuño.

Ás portas dunha nova edición da Festa do Boi de Allariz, a Asociación Xan de Arzúa e a empresa Reizentolo presentan o convenio que une dende este ano á coñecida marca galega de deseño cunha das festas máis emblemáticas do nos país.

Esta colaboración pretende dar visibilidade á festa nun ámbito alleo e para un público que pode en moitos casos descoñecer a riqueza desta Festa, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, que pasa por ser unha das máis antergas de Galicia e mesmo de Europa, xa que a primeira Festa do Boi celebrouse na vila de Allariz no ano 1317. É dicir, está a piques de cumplir o seu 700 aniversario.

Reizentolo encárgase da gráfica desta edición 2015 e do merchandasing da Festa do Boi, e cede espazo nas súas tendas para a venda destes produtos. Todo en prol do financiamento e difusión da festa, que transcorre en Allariz ao longo de nove días, dende o 30 de Maio ata o 7 de Xuño.