A Plataforma en Defensa da Casa da Xuventude de Ourense mobilizarase o vindeiro venres 15 de maio ás 20h na porta da Casa da Xuventude baixo o lema “A mocidade está de loito”.

Desde a Plataforma anunciaban unha concentración coa que “pretenden facer ver o baleiro ao que este espazo se viu sumido nos últimos tempos, rematando con toda canta actividade houbo durante moitos anos”. Así mesmo, fan un chamamento á mocidade ourensá e á cidadanía en xeral a participar deste evento “para recuperar un referente sociocultural tan importante como foi a Casa”. Anuncian estar cansas das malas prácticas que está a realizar a coordinadora de actividades, Mercedes Valeiras, que permanece no centro “cun posto creado para ela pola Xefatura Territorial”.

Fronte ás declaracións da pasada semana da Xefatura Territorial argumentan que “non se pode negar que a Casa está baleira, non hai máis que visitala para sabelo”. Ao mesmo tempo engaden que, en contraposición, “as memorias de actividades de Benito Losada estaban repletas de dinamismo cultural e xuvenil, impulsando á mocidade a ir á Casa para desenvolver a súa creatividade e dar saída ás súas inquedanzas persoais”, cousa que, afirman, “hoxe en día é imposible”.

Por estes motivos defenden a necesidade da mobilización, para concienciar da importancia do espazo, visibilizar os problemas existentes e reconverter a Casa “no órgano democrático e aberto que foi”.