Mil mozos participaron nas actividades xa realizadas nesta edición, entre as que se atopou BTT, escalada, cociña, buceo ou maxia para ligar, entre outras.

 

O programa de actividades para a mocidade Ociourense, que desenvolve a Concellería de Saúde do Concello de Ourense chegará ao seu remate a derradeira fin de semana de maio, coas dúas últimas propostas: unha xornada de Rol en vivo, o sábado 30 pola tarde, e unha Andaina sen fume, o domingo 31 pola mañá.

O programa, que desenvolve o Concello coa colaboración do Ministerio de Sanidade, contou xa este ano coa participación de mil mozos ourensáns, que gozaron das numerosas propostas saudables para o seu tempo de lecer durante as fins de semana, como foron BTT, piragüismo, escalada, parkour, baile, cociña, curso de fotografía, xogos, globoflexia ou elaboració de cócteles sen alcohol.

Agora mesmo seguen en marca as clases de buceo, maxia para ligar e “Sábados de cine”. Esta última iniciativa rematará o 23 de maio coa proxección de “Un dos nosos” ás 18horas na biblioteca pública.

Rol en vivo
O rol en vivo é unha variante dos xogos de simulación na que cada participante interpreta a un personaxe dentro dunha historia global. Cada participante actúa libremente de acordo cos intereses e obxectivos do seu personaxe; o único límite son as propias do regras do xogo.

Nesta ocasión os xogadores trasládanse aos anos 30 para investigar un crime. Deberán buscar pistas, interrogar a sospeitosos e interactuar cos compañeiros para resolver o enigma. Será o sábado 30 de maio, de 17 a 20 horas, comezando na praza do Bispo Cesáreo.

Esta actividade conta con 80 prazas, a participación será en parellas e a inscrición poderase realizar o propio día na Alameda.

Andaina sen fume
O domingo 31 será a VI edición deste tradicional paseo saudable, que pon en valor os paseos fluviais, as pontes que cruzan o Miño, e a Alameda do Concello, que é o centro da actividade.

A ruta pretende dar importancia á actividade física, seguindo a teoría dos 10.000 pasos ao día como medida de actividade necesaria para mellorar os niveis de saúde e protexernos fronte a enfermidades de risco vascular, metabólico… A andaina sairá ás 10 horas, e as persoas interesadas poden inscribirse na Concellería de Saúde ou na carpa que se instalará na Alameda o día da actividade, dende as 9 da mañá.