Participarán Trasluz Teatro, o mago Alejandro Pereira, o monologuista Aaron Castro, o dúo Álex López –Cristina Eiró e o cantautor Diego Peraita.

 

A Concellería de Xunventude do Concello de Ourense organiza o Festival Xóvenes Talentos 2015, que se desenvolverá o sábado, 16 de maio, ás 19:30 horas, no Parque Angelita Paradela.

A concelleira María Devesa, o director de Queixumes dos Pinos, José Antonio Viñas, e os artistas Diego Peraita (cantautor) e Aaron Castro (actor cómico) presentaron o certame, que ten como obxectivo contribuír a dar a coñecer ao público o talento artístico da mocidade de Ourense en diferentes especialidades, achegando unha nova proposta cultural e de lecer para esta fin de semana.

Neste festival participarán Trasluz Teatro, que representará unha obra teatral, o mago Alejandro Pereira, o monologuista Aaron Castro, o dúo de música pop formado por Álex López e Cristina Eiro e o cantautor Diego Peraita. Mozos e mozas de Ourense que neste certame terán o oportunidade de facer chegar ao público o seu talento artístico, nun espazo ideal, ao aire libre, ao que acuden a diario moitos veciños para pasear e desfrutar do seu tempo de lecer, e de xeito especial mozos e mozas que viven nesta zona da cidade

A concelleira de Xuventude, María Devesa, explicou que nesta primeira edición do Festival “esperamos desfrutar da calidade dos artistas participantes co que esperamos que sexa un evento que ilusione e sexa unha rampa de saída para eles”.

O proxecto, sinalou a concelleira de Xuventude, márcase un dobre obxectivo “formentar as relacións interpersoais a través da promoción cultural entre mozos e mozas e o seu público e, por outra banda, ofertar unha actividade dinamizadora de carácter interxeneracional que sensibilizará a novos públicos no ámbito da xuventude e na cultura”.