O laboratorio conta con clientes en sectores industrias como o aeronáutico, a automoción ou o sanitario, o que permitirá aos bolseiros adquirir experiencia profesional en áreas operativas vinculadas coa súa formación universitaria.

 

A Consellería de Economía e Industria, co obxectivo de facilitar a formación profesional dos universitarios galegos en actividades relacionados co sector industrial da comunidade, colaborará coa Universidade de Vigo achegando aos seus estudantes a posibilidade de realizar prácticas no Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia – LOMG.

Así o explicou, durante unha visita ás instalacións do centro, o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, quen destacou que, grazas a este acordo, o alumnado da Universidade, especialmente do campus de Ourense, poderá adquirir unha importante experiencia profesional nas instalacións dun laboratorio, que ubicado no Parque Tecnolóxico de Galicia, colabora co tecido produtivo galego cubrindo as súas demandas metrolóxicas.

Neste contexto, e como sinalou Bernardo Tahoces, que estivo acompañado polo vicerreitor do campus de Ourense, Virxilio Rodríguez Vázquez, e polo delegado territorial, Rogelio Martínez, os bolseiros non só terán unha primeira toma de contacto co mundo laboral, senón que mellorarán as súas posibilidades de inserción laboral. Así, o desempeño das prácticas, que terán unha duración de tres meses, permitiralles completar a súa formación académica, adquirindo as capacitacións profesionais adecuadas nunha contorna complexa.

“O Laboratorio de Metroloxía conta cunha longa experiencia e unha ampla carteira de clientes en sectores industrias como o aeronáutico, a automoción ou o sanitario”, apuntou Tahoces, quen destacou que os estudantes, principalmente de carreiras técnicas como enxeñerías e licenciaturas en físicas, terán a oportunidade de beneficiarse do coñecemento do centro.