Lito Prado presenta a Tarxeta OU

Anova presenta no Banco de España unha tarxeta para facilitar a identificación dos veciños de Ourense ante a administración local e nas súas instalacións.

 

A tarxeta tamén concedería descontos en instalacións municipais e simplificaría trámites en determinados servizos dependentes do Concello.

Lito Prado, candidato de Anova á alcadía de Ourense, así como parte da candidatura, presentaron  no edifico do antigo Banco de España, mediante unha presentación con imaxes e datos, unha das propostas de Anova para mellorar a interrelación entre cidadanía e concello: a Tarxeta OU.

Os obxectivos desta tarxeta son a realización de referendos telemáticos para unha verdadeira participación cidadá; que sirva de carné identificativo de cidadáns empadroados en Ourense e con pago de impostos na cidade; que sexa un carné identificativo único en acceso a servizos municipais: bibliotecas, escolas municipais, piscinas, recintos deportivos, eventos organizados polo Concello, termas, pavillón e recintos deportivos etc., con descontos para as persoas empadroadas na nosa cidade e información actualizada sobre cultura, deportes e eventos; que se poida empregar para o transporte público: autobús e taxis, acurtando colas e cargas das tarxetas; e que a súa implantación sexa progresiva no acceso a outros servizos municipais: trámites online, presentación telemática de documentos, certificacións e trámites do Concello, etc.

Este modelo de tarxeta que simplifica e unifica a identificación e trámites coa administración para as persoas empadroadas en Ourense xa existe e funciona con éxito en cidades coma Zaragoza, Donosti ou Gijón. Desde Anova Irmandade Nacionalista consideran que esta sinxela tarxeta «pode axudar, facilitar e simplificar a vida das nosas veciñas e veciños».