O  candidato popular á alcaldía de Ourense comprométese a poñer en funcionamento os contedores soterrados para restablecer de inmediato este servizo abandonado polo goberno socialista.

 

Jesús Vázquez considera que o servizo de limpeza existente na cidade debe ser revisado en profundidade para adecuar o coste que supón para os cidadáns aos servizos prestados, tanto pola frecuencia na retirada do lixo como na limpeza viaria.

“Cun goberno do PP, Ourense volverá ter as súas rúas limpas e os seus xardíns coidados. Xa demostramos que é posible e volveremos a facelo”, sinala Jesús Vázquez, quen lembra que baixo o mandato do Partido Popular, a cidade de Ourense chegou a ser recoñecida co galardón da «Escoba de Ouro» ata en dúas ocasións, pola limpeza e o coidado que presentaban as rúas da cidade.

Do mesmo xeito, manifestou a necesidade de solucionar o peche e precinto dos contedores soterrados, co fin de restablecer de inmediato este servizo abandonado polo goberno socialista e tan demandado polos veciños de Ourense.

O candidato popular sinala que os veciños de Ourense lle manifestan as súas queixas polo estado deste servizo, algo que considera que debe ser unha prioridade para a terceira cidade de Galicia. «Non pode ser que a cartelería ilegal e as pintadas sexan unha constante nas rúas dos diferentes barrios ou mesmo no casco histórico. É algo que temos que coidar ao máximo porque a imaxe da cidade debe ser un reclamo turístico e é a impresión que se levarán de Ourense aquelas persoas que nos visiten».