Para os nacionalistas o emprego será “unha aposta estratéxica” de acadar o goberno.

 

O candidato á alcaldía de Barbadás polo BNG-Asembleas Abertas, Xosé Manoel Fírvida, compareceu acompañado de diversos membros da candidatura para debullar as súas propostas en materia de emprego.

Fírvida afirmou que “en Barbadás hai a día de hoxe 562 persoas desempregadas que buscan emprego para os cales actualmente non hai ningunha actuación por parte do concello”. Ao mesmo tempo afirma o portavoz nacionalista que teñen detectado diversos ámbitos nos que poderían existir posibilidades de creación de actividade e postos de traballo.

Neste senso, salientou ámbitos como o das actividades relacionadas coa valorización do medio ambiente, as novas tecnoloxías, a transformación de produtos primarios e sobre todo o ámbito dos servizos sociais e de atención ás necesidades das persoas.

Banco Municipal
Unha actuación prioritaria do BNG-Asembleas Abertas no goberno de Barbadás será crear un Banco Municipal de Economía Social e Cooperativismo de xeito inmediato, xa que a súa ubicación será nos baixos propiedade municipal existentes na Valenzá e que actualmente están baleiros e sen ningunha actividade, concretamente na rúa do Viso.

Este Banco Municipal tamén contará con persoal cualificado para realizar o asesoramento xurídico e burocrático para a constitución das entidades cooperativas ou sociedades laborais e para axudarlles na xestión burocrática, explicou o candidato.

Fírvida considera que só con esta actuación, que iría acompañada de bonos sociais para os e as usuarias, se poderían crear inicialmente máis de medio cento de postos de traballo.

Finalmente afirmou “ o emprego é unha aposta estratéxica para o BNG-Asembleas Abertas polo que espremeremos ao máximo as cativas competencias que nese ámbito lle quedan ás corporación locais”.