Acusan ao actual rexedor, José Luís Ferro, de ter “falta de ideas e perspectivas de futuro”.

 

 

Leopoldo Rodríguez, e a lista que conforma a candidatura do BNG-AA de Celanova presentaron o seu programa de goberno, que consideran urxente para sacar a Celanova “do atraso e inmobilismo na que a somerxeron os 25 anos de hexemonía do PP”.

“Consideramos que o actual alcalde e candidato do PP, José Luís Ferro, está poñendo cada vez máis de manifesto a súa falta de ideas e de perspetivas de futuro para o noso Concello. Un alcalde que durante estes dous últimos anos e medio só presentou como iniciativa propia e como cabalo de batalla a defensa a ultranza do seu soldo e o dos seus correlixionarios”.

Para os nacionalistas “é tan evidente a súa eiva de proxectos de futuro, que o único ao que pode chegar é a copiar e facer súas as inciativas e o programa de goberno que presenta o BNG-AA de Celanova”,por iso piden á cidadanía que “opte polo orixinal”, que é a lista encabezada por Leopoldo Rodríguez.

Principais liñas do programa do BNG-AA de Celanova
O BNG-AA presenta un amplo programa de medidas para mellorar o concello de Celanova. Unha das máis relevantes para o nacionalista é que o Concello estea ao servizo da cidadanía, defende a igualdade de oportunidades, atendendo aos principios de igualdade, mérito e capacidade.

No ámbito rural propoñen a creación dun banco de terras municipal, así como o arranxo dos locais sociais para acoller actividades. Ao mesmo tempo, consideran prioritario dotar de servizos básicos (saneamentno e abastecementos) aos pobos, e mellorar a súa comunicación coa vila.

Tamén apostan por potenciar o patrimonico cultural e natural da comarcal, incluíndo a recuperación de edificios emblemáticos; e impulsar as iniciativas emprendedoras mediante unha oficina de asesoramento.

No eido do ocio, o BNG-AA propón crear sendas peonís na OU-531 e N-525, construir unha piscina climatizada e unha pista de patinaxe, mellorar as instalacións deportivas existentes, recupear a a subida automobilística a Celanova e homologar a nivel estatal a carreira nocturna.

En canto ás novas tecnoloxías, apostan pola creación dunha rede wifi que abarque todo o concello e unha APP que permita contacto directo entre os veciños e a administración local.

Así mesmo, o seu programa tamén inclúe, entre outras propostas, melloras en servizos sanitarios (recuperando os recortados pola Consellería no centro de saúde de Celanova): creación dunha bolsa municipal para mercar fármacos a persoas con necesidades económicas especiais; creación dun banco de alimentos municipal; ampliación do horario da gardería municipal; establecer un espazo para actividades dos maiores e outra para mozos; subvencións para a compra e alugueiro de vivendas por parte da mocidade; implantación dun modelo sustentable nas festas da vila; redución dalgúns impostos municipais (como IBI, IVTM, IAE…); reordenación do tráfico urbano; construción de vivenda pública social; e eliminación de barreiras arquitectónicas.