Ximnasio en Verín

Os populares presentan no seu programa de deporte novas infraestruturas e iniciativas para todas as idades.

O Partido Popular de Verín aposta polo desenvolvemento de políticas activas, asentadas ao redor do deporte e da saúde, para mellorar a calidade de vida da veciñanza.

Entre o xa realizado nesta materia, sinalan a creación das Escolas Deportivas do Concello de Verín, que abranguen distintas disciplinas deportivas federadas como natación, atletismo, fútbol e fútbol-sala. Ademais, realizáronse outras accións como o ‘Verán Deportivo’, a Ludoteca de Verán, a creación da Liga de Veteráns, Liga Local de Fútbol Sala, as Xornadas de Deporte e Saúde, a Andaina e Mini-Trail do Pozo do Demo, a Marcha BTT, a Volta Cicloturista Val de Monterrei, as Masterclass, os Torneos de Pádel e Tenis, competicións de natacións ou Torneos Internacionais de Fútbol e Fútbol-Sala.

Pero tamén foi relevante a realización de reformas nas infraestruturas deportivas da vila, como o pavillón de deportes, as piscinas descubertas da Granxa, a piscina climatizada e o complexo deportivo da Granxa.

Propostas

Con todo, o traballo en materia deportiva do Partido Popular non quedará aí, xa que para a próxima lexislatura teñen como obxectivo potenciar o servizo municipal de deportes, consolidar as Escolas Deportivas existentes e crear outras novas de disciplinas principalmente enfocadas ao deporte femininio. En canto ás infraestruturas, propoñen arranxos no pavillón central, a construción de pistas de atletismo e da cuberta dunha pista de pádel no complexo da Granxa, a finalización da ecovía Verín-Chaves-Vidago, a dotación de espazos deportivos ao aire libre no parque da Perguiza, a creación dunha ciclovía desde o Castelo de Monterrei ata Pazos, a construción dun campo de pitch&putt nos Remedios.

Os populares tamén seguirán apoiando os clubes locais e pretenden organizar eventos deportivos transfronteirizos e creaar unha Escola de formación deportiva.