Segundo esta formación, o desenvolvemento do termalismo e do séctor téxtil será un revulsivo para a economía local.

Para Ourense en Común garantir o mellor nivel de vida de toda a cidadanía pasa por “ acadar un desenvolvemento local integral e sustentable tanto no eido económico e social coma no ambiental”. Para iso, apostan polo “aproveitamento das fortalezas coas que conta Ourense, potenciando o seu posicionamento como eixo de comunicacións rexional e centro vertebrador do territorio provincial”.

Neste senso, proponen o impulso do transporte e a loxística así como da industria, os servizos e o comercio asociado ás producións da contorna rural. “Ourense conta con outros recursos endóxenos que explotados axeitadamente poden enriquecer diversos sectores”, din. Entre os que destacan o termalismo (polas súa propiedades terapéuticas) en combinación cos servizos sanitarios e o turismo, para convertelo nun revulsivo para a economía local.

O textil é outro sector que para Ourense en Común ten especial transcendencia, ao contar con compañías de gran tamaño e un bo número de talleres e pequenas empresas adicadas ao deseño, que permiten crear un produto competitivo nos mercados internos e
externos.

Outra actividade con gran potencial é a da economía de coidados debido ao notable avellentamento poboacional. A posta en marcha de servizos públicos e de apoio á economía social serviría para xerar emprego á vez que liberaría a moitas mulleres, favorecendo a igualdade de oportunidades e a inserción laboral.

Por outra banda, para esta formación a limpeza das zonas verdes e dos ríos, o mantemento e a repoboación forestal supoñen un xacemento de emprego.

Tamén chaman a atención sobre o turismo. “A escasa diversificación da actividade e as carencias en materia de innovación supoñen unha debilidade que pode ser corrixida por medio de actuacións específicas que potencien o sector”, explican.

De todos os xeitos, apostan sempre por establecer relacións de cooperación en distintos ámbitos. “É a cooperación, e non a competición, a que pode ofrecer a un territorio maiores cotas de éxito nos seus proxectos”, aclaran.

Trátase, en suma, de xerar unha actividade económica que aproveite os recursos endóxenos e teña por obxecto a satisfacción das necesidades de toda a poboación e a conservación do medio.