Comprométense a loitar por unha aprendizaxe permanente, para todas as persoas e ao longo de toda a vida.

 

Ourense en Común continúa coas súas conversas de barrio cos veciños de Ourense. Neste caso visitaron as Lagoas, nun acto que se desenvolveu na entrada do Campus e en que participaron os membros da súa candidatura na cidade das Burgas Martiño Xosé Vázquez, Javier Octavio de Toledo, Emilio Rodríguez, Raúl Piñeiro e Ánxeles Faraldo; xunto a Óscar Penín, activista Cultural.

Para esta formación “a educación, a cultura e a lingua son bens comúns e así quixemos deixalo claro nas propostas e medida concretas sobre estas áreas recollidas no noso programa participativo”, explicaron.

“A educación é a base do noso desenvolvemento pleno como persoas e só a través dela se pode garantir a transición cara unha sociedade xusta e igualitaria autogobernada por unha cidadanía máis libre e crítica”, engaden. Por iso, para OueC a educación non pode quedar restrinxida a un departamento ou un tramo de idade. “Comprometémonos coa aprendizaxe permanente, para todas as persoas e ao longo de toda a vida. Demandamos educación pública e universal, gratuíta e de calidade, laica, inclusiva e en galego”, din.

Así mesmo, OueC defende o acceso a cultura como dereito fundamental. “É preciso recuperar a memoria e o patrimonio e poñelo á disposición das persoas, rachar coas barreiras absurdas entre alta cultura e cultura popular e, sobre todo, apoiar o xenio creador que existe en Ourense”, explican “Porque as industrias creativas tamén son motor de desenvolvemento económico”, engadiu o activista cultural Óscar Penín.

Pola súa banda, en canto á baixada do uso do galego, principalmente entre os máis novos, dende Ourense en Común consideran “necesario que esta área municipal de lingua supere o seu papel de simple asesor e comece a traballar de xeito transversal e efectivo, dotándose de recursos para ser un auténtico instrumento de dinamización social”, destacou Raúl Piñeiro.

Ademais, OueC asume os principios recollidos na Lei Paz Andrade para o achegamento á lingua e cultura portuguesas; e comprométese ao seu desenvolvemento, para mudar o paradigma sociopolítico galego, en relación co status da lingua, incidindo no seu carácter internacional e a súa pertenza ao ámbito da lusofonía.