O obxecto dos traballos é renovar un treito en mal estado da rede de saneamento de Torneiros, mellorar a captación de auga no Puxedo e aumentar o abastecemento de Xendive mediante unha nova captación e a construción dun novo depósito.

 

O Consello da Xunta de Galicia aprobou a colaboración técnico-financeira da Xunta de Galicia e o Concello de Lobios para a execución das obras de abastecemento e saneamento nos núcleos de Torneiros, O Puxedo e Xendive, por un importe de máis de 230.000 euros. Con esta colaboración, contarán os veciños do Puxedo e Xendive dunha rede de abastecemento de calidade e cantidade e aos veciños de Torneiros melloraráselles a rede de saneamento de que dispoñen na actualidade.

A necesidade que se vai satisfacer no caso de Torneiros é dotar as vivendas próximas á marxe do Río Caldo dunha rede de saneamento segura e eficiente que solucione os problemas derivados da actual condución provisional que discorre superficialmente.

A principal necesidade a satisfacer no caso do Puxedo é a de fortalecer e aumentar o abastecemento de auga. Na actualidade dispón dunha rede de abastecemento e dun depósito duns 40 m³ de capacidade. Detéctanse problemas de subministración de auga nos períodos máis secos, debido á pouca entidade dos mananciais dos cales se abastece o depósito.

O núcleo de Xendive dispón dunha rede de abastecemento que subministra todo o núcleo e que se abastece a través dun depósito duns 55 m³ de capacidade, que se nutre dunhas captacións de pouca entidade polo que presenta problemas de escaseza en épocas de seca.

O proxecto estrutúrase en tres actuacións en función das medidas que se executarán en cada localización, pero no seu conxunto requiren a instalación de máis de 6 quilómetros de tubaxe, pozos, arquetas e desaugadoiros.

Con esta colaboración co concello de Lobios, a Xunta contribúe a garantir a subministración de auga en calidade e en cantidade suficiente á cidadanía, tal como establece a Directiva Marco da Auga. Ao mesmo tempo, o Goberno galego mantén con este acordo a súa liña de cooperación cos concellos para mellorar a rede de abastecemento secundaria.