Diego Lourenzo

Entrevista a Diego Lourenzo, candidato do BNG-Asembleas Abertas en Verín.

 

O actual concelleiro nacionalista dá un paso adiante para liderar a candidatura do BNG-Asembleas Abertas que se presenta como a alternativa para o cambio en Verín.

Como definiría a situación actual do concello de Verín?
Diego Lourenzo: “Os datos falan por si sós. Verín é o segundo concello da provincia con maior taxa de desemprego. Xa non queda mocidade, que ten que irse para buscar oportunidades de traballo e de futuro. En Verín temos o groso dos servizos, como a auga ou a recollida de lixo, privatizados. Temos unha serie de impostos moi abusivos; a xente de Verín paga impostos pero despois non hai unha contrapartida”.

Cal cre que é o principal problema de Verín e como faría o BNG para resolvelo?
D.L.: “É a falta de oportunidades laborais, é un mal moi estendido. Para a creación de emprego é fundamental poñer a andar o polígono de Tamagos, con solo barato, e que sexa atractivo para as empresas asentarse.

Fáltalle a Verín algunha infraestrutura?
D.L.: “Fáltanlle moitas infraestruturas fundamentais. Criticábamos a construción do auditorio, este mausoleo, este Gaiás, non fai falta unha obra desas características, habendo outras necesidades moito maiores. En Verín os centros de día e residencias son de tipo privado, nós pedíamos a construción dun centro de día público e dunha gardería pública.

Que proposta ten para a dinamización económica de Verín?
D.L.: “Ademais do polígono de Tamagos, temos un plan de rehabilitación e mellora do casco vello, é fundamental para o comercio local.
Apostamos no casco vello por que a oficina de rehabilitación sexa máis áxil na tramitación de expedientes, que haxa menos burocracia, e tamén por conseguir adquirir un edificio emblemático da zona para un edificio multiusos.
E un dos plans máis ambiciosos para o casco vello é o de adquirir vivendas e rehabilitalas para promoción oficial.
E non me podo esquecer da cuestión dos balnearios e das augas, algo que está sen explotar. Propomos facer un balneario piloto en Caldeliñas que servise para estender ese modelo aos outros balnearios”.

Como definiría a candidatura que presenta o BNG?
D.L.: “Espectacular!. É un equipo totalmente consensuado. Entendíamos que tiñamos que abrir as nosas candidaturas a xente independente para canalizar toda esa enerxía de cambio e por iso nos seis primeiros postos hai tres persoas independentes, persoas que non militan no BNG, pero coinciden co proxecto e co ideario.
Apostamos por unha renovación moi grande xa desde o número 1, van moitas persoas novas. É unha candidatura moi ilusionante, con xente de diferentes sectores”.

Cales son as súas expectativas?
D.L.: “É moi complicado, pois irrumpe unha cuarta forta política. A nosa previsión é subir, cremos que podemos sacar un bo resultado”.

Pactaría con algún outro partido para gobernar?
D.L.: “É unha pregunta moi complicada, nós non estamos pechados a ninguén, o que temos claro é que o BNG non vai gobernar por que si, non imos gobernar nos sitios onde non poidamos executar o noso programa.
Creo que Jiménez vai perder a maioría. E abriríase un abano moi interesante: deixar gobernar a Jiménez en minoría con acordos puntuais, facer un pacto co PSOE de antemán… non estamos pechados a falar con ninguén pero si estamos pechados a gobernar por gobernar”.

Como convencería a un verinés para que votase BNG?
D.L.: “Temos moi vistos a Jiménez Morán e a Gerardo Seoane; hai que apostar pola renovación, pola xuventude e polas ganas de facer as cousas doutro xeito. Creo que a xente precisa alternativas sólidas e creo que a alternativa vai pasar polo BNG, porque é un equipo de acreditada solvencia e porque creo que temos o mellor proxecto”.