Juan Manuel Jiménez Morán

Entrevista a Juan Manuel Jiménez Morán, candidato do PP á alcaldía de Verín.

O candidato popular á alcaldía de Verín, o veterano político Juan Manuel Jiméez Morán, opta o 24 de maio ao seu terceiro mandato consecutivo.

En que mellorou Verín desde que vostede é alcalde?
Juan Manuel Jiménez Morán: “En todos os campos. Foron momentos complicados estes últimos catro anos pero fomos quen, polo bo labor que se fixo de xestión económica, de dedicar máis recursos para a xente que o estaba pasando mal. Subimos un 97% o orzamento social.

En investimentos foi a lexislatura máis produtiva: o cambio da subestación de Fenosa desde o centro de Verín e a construcción dunha nova, foron 8 millóns de euros da Xunta e de Fenosa.

Ou a construción do Centro das Artes, Verín era a única poboación do seu tamaño de Galicia que non dispuña dun local para reurnise máis de 70 persoas.

Ou o último proxecto que aprobou a Xunta de Galicia de depuración desde o polígono de Pazos ata a depuradora.
E a aprobación do Plan Xeral, en decembro de 2012, que deu unha seguridade xurídica importante para a construcción. Agora rematámolo co convenio para redactar un novo Plan especial para o casco histórico que permite quedar con todos os sistemas de planeamento redactados e da unha importante seguridade a todas as persoas que queren construir ou rehabilitar.
Foi quizais a mellor lexislatura que levo neste Concello”.

E a situación das arcas municipais, como está?
J.M.J.M: “A débeda estaba ao redor de seis millóns e a decembro do ano 14 é de 3,9 millóns euros. Este concello para facer investimentos sempre tivo que pedir créditos, nestes dous últimos anos non pediu ningún crédito para facer o seu plan de obras e a maiores amortizou sobre 1,3 millós de euros. En 2005 había un remanente de tesourería negativo de 225.000 euros o cal en 2007 ao tomar posesión nós tivemos que facer un plan de saneamento e agora na liquidación do último orzamento tivemos un superávit de 1,7 millóns de euros.

A diferenza é notable e iso foi grazas a unha excepcional xestión de todos os recursos, por exemplo a posta en marcha dun plan de aforro enerxético, só en alumeado aforramos un 25%”.

Ques problemas lle transmiten os veciños e como pode solucionalo o PP no Concello?
J.M.J.M: “O problema do paro como en todos os sitios, e é curioso a limpeza. Nós somos a única vila que temos unha empresa de lixo e outra de limpeza viaria, estamos facendo un estudo para xuntar os dous servizos”.

Algunha proposta de dinamización económica que leve no seu programa?
J.M.J.M: “Se sufrimos en Verín moito foi porque fiábamos todo a un sector produtivo que era a construción. Para que non pase isto máis decidimos dedicarnos ao turismo, ao termalismo e ao sector primario. En turismo conseguimos o último plan que se deu no estado para dinamización turística, o Portas de Galicia, que preparou o sector para ser competitivo.
En termalismo puxemos as bases para facer un hotel balneario escola, temos feito o proxecto e os curriculums para a escola de hostalería. O balneario de Caldeliñas é noso. E nestes momentos estamos negociando cunha empresa hoteleira de éxito en Galicia para a súa explotación

Queremos pór en marcha o ‘auguismo’; xa falamos cos distintos balnearios e queremos recuperalo.

No sector primario temos a horta máis produtiva de Galicia. Imos facilitar á xente propietaria de terreos a forma de que mediante unha compensación llos deixen á xente que quere explotar esa terra.

E queremos recuperar algo que sempre existiu que é o cultivo do olivo; xa falamos cunha empresa ourensá de aceites que está disposta a recoller todas as olivas que se produzan cun mínimo de calidade e baixo a supervisión deles”.

Como definiría a candidatura popular?
J.M.J.M: “Estou moi contento coa nosa lista. Porque para facer todo isto levo a xente que sabe: levo a Castor Gago para o sector primario, levo á persoa que fixo que o Consello Regulador sexa o que é hoxe, Antonio (Méndez), para temas de emprego levo a un empresario novo de Verín, Dani… cada un no seu sector son persoas moi experimentadas”.

Plantéxase pactar con outros partidos para gobernar?
J.M.J.M: “Por desgraza o PP sempre se unen todos contra el. Entendo que se non sacamos maioría non gobernamos. Eu desde logo teño capacidade para negociar. Capacidade de pacto e de diálogo saben os grupos políticos que teño”.

Hai aberta unha investigación sobre a contratación de obras e servizos no Concello de Verín, preocúpalle que lle reste votos ou que chegue a unha imputación?
J.M.J.M: “Eu nunca tiven nada, ningunha denuncia de ningunha construtora, de ningunha mesa de contratación, ningún lío nin de persoal nin de nada, nunca tiven unha denuncia importante nin penso tela. O caso que hai aí é o dunha persoa particular, que non ten ningunha relevancia. A verdade é que en Verín nos coñecemos todos e sabemos de quen parte a denuncia que non é unha persoa moi querida. Teño a conciencia tranquila”.

Como convencería a un verinés para votar polo PP?
J.M.J.M: “A vantaxe que temos é que hoxe os veciños de Verín xa viron gobernar a todos os grupos que se presentan exceptuando os de Son, que entran novos. Todo o mundo sabe quen encabeza cada lista, sabemos a traxectoria persoal e profesional de cada un, e saben todo o que levamos feito nestes anos.

Eu dígolle á xente que para gobernar e para facer cousas hai que ter estabilidade, se fracasou o tripartito era porque era distinta xente de distinta ideoloxía que se uniun por quitarlle a alcaldía ao PP”.