Manuel Pérez Campos

Entrevista a Manuel Pérez Campos, candidato de Xinzo Adiante á alcaldía de Xinzo

 

Tras formar parte do BNG, pasarse a Anova, e rematar o actual mandato como edil non adscrito, Pérez Campos encabeza desta volta a candidatura veciñal Xinzo Adiante.

Que é Xinzo Adiante?
Manuel Pérez: “Xinzo Adiante é unha candidatura veciñal que fixemos un grupo de persoas para presentarnos a estas eleccións municipais e que é feita por xente que ata agora nunca tivo practicamente militancia política”.

Por que motivos se dá ese paso?
M.P: “Cremos que neste momento os partidos políticos non están representando á cidadanía como é debido e polo tanto consideramos necesario crear esta candidatura veciñal”.

Pero vostede formaba parte de Anova?
M.P.: “Anova deixeino xa na ultima asemblea e nestes momentos non teño afiliación política”.

Como definiría a situación actual do Concello de Xinzo?
M.P.: “É unha situación totalmente caótica. Hai unha débeda moi grande de case 8 millóns de euros e unha situación de ingobernabilidade total e absoluta, os concelleiros do grupo de goberno cada un anda por libre, practicamente non se falan entre eles, cremos que é necesario darlle un cambio de rumbo a este Concello pero xa”.

Como solucionaría o problema da débeda do Concello?
M.P.: “A única maneira de reducila é minimizando ao máximo posible os gastos. Hai que empezar eliminando os gastos superfluos e ir así amortizando a débeda”.

Que tema preocupa máis aos veciños e como podería o seu partido solucionalo?
M.P.: “Un dos temas que máis preocupa é a suba de impostos, consecuencia deste endebedamento que ten o Concello, que se acolleu en 2012 ao plan de axuste. Había dúas alternativas: a redución de gasto ou a suba de impostos, aquí óptase pola máis fácil que é subir impostos. Consideramos que se somos capaces de reducir gastos podemos incluso evitar que se suban impostos”.

Que propostas de dinamización económica ten Xinzo Adiante?
M.P.: “Consideramos a situación económica actual algo moi preocupante, está levando á perda de postos de traballo en Xinzo.

Propomos que a aquelas persoas que queiran emprender unha actividade desde o Concello se lle dean as máximas facilidades: no aspecto de licenzas de obras e de apertura, que teñen uns prezos bastantes abusivos; chegaríamos a bonificalas ata o 100% se son empresas creadas por parados, mozos e mozas e por persoas que contraten traballadores.

Intentaremos fomentar que se creen novas empresas, incluso chegando a ser avalistas en canto a microcréditos que se lles poidan conceder”.

Que infraestruturas necesita Xinzo?
M.P.: “Unha delas é a circunvalación, que no ano 2009 xa fora demandada polo noso grupo político, daquela o BNG, e non se fixo nada. Iso é moi necesario, e que todos os camiños e pistas parcelarias se adecenten porque están nun estado bastante calamitoso”.

Pactaría con algún outro partido para gobernar?
M.P.: “Á verdade é que nós aspiramos á alcaldía. De non se dar ese caso, habería que negociar. Para nós a responsabilidade actual da situación do concello é do PP, polo que nunca negociaríamos co PP para gobernar o Concello”.

A un veciño de Xinzo, como o convencería de que o votase?
M.P.: “Levamos un programa factible e realista. Intentaría convencelo de que as persoas que van nesta candidatura, agás eu que teño un pouco de experiencia política, son persoas novas que non teñen experiencia política algunha e teñen unhas ganas tremendas de traballar por Xinzo; que non teñen intereses económicos creados nin sospeitosos e cada unha delas vive do seu traballo persoal”.