Baltar en Castro Caldelas

Promete que a Deputación porá en marcha o Museo Galego da Emigración no vindeiro mandato.

 «A Ourensanía non ten límites xeográficos. Alí onde está un emigrante ourensán, está Ourense». Así o proclamou Manuel Baltar en Castro Caldelas, onde o candidato á presidencia da Deputación de Ourense reivindicou o peso da Emigración no proxecto ourensán e lembrou as tres características da provincia e das súas xentes: traballadoras, creativas e emigrantes.

Deste xeito, o candidato popular anunciou que a Deputación porá en marcha o Museo Galego da Emigración no vinedeiro mandato. Será un polo de atracción turística para valorizar o moito que a emigración aportou á construcción de Ourense e de Galicia. «Unha visión real en positivo do moito que fixeron e fan os mellores embaixadores da nosa terra por todo o mundo».

Manuel Baltar lembra á emigración nunhas eleccións locais nas que non poderán intervir por primeira vez. Lamenta este feito pois «os emigrantes teñen tamén dereito a participar no deseño do futuro dos seus pobos e dunha provincia que non os esquece».

O goberno provincial tamén fará realidade un portal web onde divulgará as moitas aportacións dos ourensáns na emigración polo mundo enteiro. «Os nosos eixes de actuación son: territorio, poboación e identidade. En todos eles os emigrantes son parte fundamental».