Gerardo Seoane

Entrevista a Gerardo Seoane, candidato do PSOE en Verín.

 

Os socialistas presentan unha lista renovada en Verín, co arquitecto Gerardo Seoane á cabeza.

Por que decidiu liderar a lista socialista?
Gerardo Seoane: “Fai un ano e pico cando empezaron a rehabilitar o Castelo de Monterrei moita xente chegou á conclusión de que se chegara demasiado lonxe no que estaban facendo os nosos gobernantes. Tomamos conciencia de que había que facer algo, houbo diversas opcións e a máis interesante e a máis útil era unirse ao Partido Socialista porque tiña unha boa estrutura e unha boa traxectoria, con certa perspectiva de resultado”.

Como definiría a situación actual do Concello de Verín?
G.S.: “Estamos practicamente nunha ditadura, hai un señor que fai todo, os concelleiros levantan a man e mentres entrou diñeiro gastouse en cousas innecesarias. Cando se acabou, deu por subir os impostos, un 45%, a suba máis alta da provincia. Empezáronse a privatizar servizos como a auga, aparcamentos… vendidos pola metade do seu valor no mellor dos casos e cun servizo moito máis caro. E aínda así a débeda multiplicouse por tres desde que está Jiménez. Todas estas inversión faraónicas e tontas non milloraron o tecido produtivo nin nada.

Que problema lle transmiten os veciños e como o solucionaría o Partido socialista?
G.S.: “Moitos. Por exemplo os do casco vello están preocupados pola ordenanza de peonalización, queren unha revisión.
Nós propuxemos abranguer o problema na súa totalidade e constituir unha Fundación Casco Antigo, onde estudiaríamos toda a problemática: novas comunicacións polo norte; aparcamentos; a adquisición de edificios para rehabilitar; introducir neses edificios oficinas municipais que están desperdigadas, e un plan de formación e redeseño dos locais. Facer que fora atractivo para traballar.

Nós temos un problema de crise demográfica, a poboación maior vaise multiplicar por dous ou tres. Todo o programa se basea niso.

Queremos un Verín habitable e sostible; para iso hai que revisar o urbanismo para conseguir unha cidade termal, que é o que somos. Pretendemos facer ao lado dos balnearios que existen outros de carácter público, porque se o Concello non toma a iniciativa as empresas privadas non o van facer.

Queremos unha cidade de paseo, máis tranquila, non chea de coches”.

Que propostas de dinamización económica levan no seu programa?
G.S.: “Promover a actividade económica non é so facer un polígono, a idea é que as persoas teñan unha maneira de vivir aquí. Un dos sectores importantes de xeración de emprego é a asistencia a maiores, propomos facer unha rede de vivendas comunitarias nos pobos. Outro sector é a rehabilitación do casco vello e dos pobos; o terceiro sector promover a industria agroalimentaria, a través dun programa de posta en valor das fincas.

Como cuarta fonte de emprego, o ocio, turismo e deporte; e como quinta, a creación dun arquivo histórico.
A característica común de todo isto é que son recursos naturais nosos”.

Como define a candidatura socialista?
G.S.: “Son militantes do PSOE todos, teñen unha ilusión e unhas gañas tremendas, e representan a practicamente todos os sectores; é un reflexo da sociedade”.

Estarían dispostos a pactos para gobernar?
G.S.: “Eu son moi dialogante e conciliador, é o meu carácter, eu falo con todo o mundo”.

Como convencería a un veciño de Verín para que o votase?
G.S.: “Somos moitos os que pensamos que isto ten que cambiar. Temos a limitación do voto cautivo do PP, pero desta vez non lles vai ser así. Penso que podemos ter un resultado decente, pero o resultado non é o máis importante. Sexa cal sexa, a maneira de levar o Concello vai cambiar radicalmente”.