Antonio Pérez

Entrevista a Antonio Pérez, candidato do PP á alcaldía de Xinzo.

 

Con cinco anos de experiencia á fronte da alcaldía, o político popular non ve outro escenario que non sexa a maioría para o seu partido a partir do 24 de maio.

En que mellorou o Concello de Xinzo desde que é alcalde?
Antonio Pérez: “En moitas cousas, houbo un investimento importante nestes catro anos, da Xunta, da Deputación e do Goberno central, de máis de 10 millóns de euros. Foron moitas xestións que se fixeron e saíron ben: a estrada de Baltar, a ponte e a pasarela do río, a glorieta da estrada dos Blancos con Porqueira, a rúa Marcela Macías, a praza Santa Mariña, depuradoras e saneamentos en pobos, e o propio Museo do Entroido do que agora imos licitar a última fase.

A parte dos investimentos, a nivel de emprego os datos están aí. Melloramos moito desde o ano 11 ao ano 15; o parque empresarial tivo un pulo importantísimo: pasamos de 20 empresas en 2011 a 36 no ano 15. Hai unha empresa que mercou a finca de 72.000 metros cadrados para facer unha fábrica transformadora da pataca, entendemos que a parte de ser unha inversión moi importante, fálase de 10 millóns de euros, creará 80 postos de traballo directos…”

Pero é un proxecto seguro ou unha desas promesas que aparecen en época electoral?
A.P.: “Xa comprou a finca, xa a pagou, ingresou preto de 800.000 euros, supoño que fará o proxecto, quero entendelo.
Son datos que están aí. Intentamos manter todos os servizos, e nalgún caso se ampliaron, no Conservatorio pasouse de 10 profesores a 14, a pesar de que é un servizo impropio do concello.
Estes catro anos terribles, creo que a calificación é moi alta, coas súas deficiencias, loxicamente, e cos seus erros, como cometemos todos. Que se podían facer máis cousas? Obviamente sempre. Que estamos satisfeitos? Si. Contentos ao 100%? Non, porque houbo cousas que quedaron no tinteiro e que levaremos nesta lexislatura”.

Que infraestruturas ten pendentes Xinzo?
A.P.:“Para min hai dúas fundamentais, que son a circunvalación a Xinzo, para sacar o tráfico pesado, que xa tiña eu medio acordado co anterior conselleiro de Medio Ambiente e xa iniciei contactos coa nova conselleira e vai estar aquí despois das eleccións para ter unha reunión sobre o tema.

E despois a avenida de Ourense creo que é unha débeda que temos con Xinzo desde fai moitos anos.

E engadiría outra: facer máis actuacións no río. Fixemos moitas pero hai que seguir nesa liña. Son os grandes retos”.

Cal é o principal problema que teñen os veciños de Xinzo e como pode o PP solucionalo se sigue gobernando?
A.P.: “O problema do emprego é unha cousa reiterativa, e está aí. Repito que baixou o paro de forma considerable do ano 11 ao ano 15. Parte desa baixada foi froito desas 16 empresas novas no polígono.
Outra das preocupacións que hai é o tema da limpeza, que seguimos tendo certas dificultades e tratamos de melloralo”.

E a situación das arcas municipais?
A.P.: “A día de hoxe é moito mellor que fai catro anos. Este era un Concello que cando eu entrei tiña un endebedamento moi grande e este ano mesmo cancelamos unha póliza que tiñamos de 200.000 euros con Caixa Rural e outra de 800.000 con Abanca e baixamos a débeda. Que pasa? Tampouco son os mellores momentos. Este Concello en 2006 ingresaba un millón de euros en taxas de ICIO e licenzas e agora ao redor de 30.000 euros. Todo vai en contra. Con catro anos de crise profunda isto non se chama máis que xestión”.

Como definiría a candidatura do PP?
A.P: “É unha candidatura en liñas xerais moi boa, aglutinamos todo tipo de profesionais. Tamén participa esta vez con nós Teresa Puga, que é unha persoa que sempre formou parte do PP e que entendíamos que tiña que volver. Fixemos a incorporación de xente que nunca estivo en política, e repite xente con experiencia contrastada como Manolo Casas ou Manolo Cabas, ou Dolores Calvo.

Hai unha conxugación de xente con experiencia e de xente nova que nunca estivo en política nin vinculada a ningún partido, e que quixo participar porque considera que o traballo feito foi bo, e que os catro anos seguintes poden ser de relance definitivo desta vila e de endereitar o barco”.

Plantéxase pactar con algún outro partido para gobernar?
A.P.: “Non, nós só contemplamos o escenario de gañar as eleccións. Nós non imos pactar con ninguén. Defendo que as eleccións ten que gobernar quen as gaña, non despois os pactos no despacho”.

Como convencería a un veciño de Xinzo para que o votase?
A.P.: “Eu o que valoraría como cidadán é se este grupo que estivo estes catro anos atendeu o concello, atendeu as necesidades da xente. Dentro das miñas posibilidades, o alcalde estivo todos os días no concello sen dedicación exclusiva, e sempre está a miña porta aberta para atender os cidadáns.

E iso é o que teñen que ver, agora estes 15 días de campaña se eu prometo facer non sei que e digo que o outro non vale iso non vale para nada; os catro anos son a campaña.

Non contemplo outro escenario máis que gañemos as eleccións por maioría e se non é así teño claro que eu non vou pactar con ninguén e presentaría ao día seguinte a miña decisión, téñoo clarísimo. Os catros anos foron dunha dedicación total, o traballo e os investimentos están aí, se a xente non o ve, e ve outras opcións, entón eu teño que presentar a miña dimisión”.