BNG de Barbadás sobre centro de saúde

Con este acto denuncia os «reiterado»s incumprimentos do PP desde o ano 2002 que se prometeu este centro e comprometen uns terreos máis adecuados para a súa construción.

 

Integrantes da candidatura do BNG-Asembleas Abertas de Barbadás realizaron este luns un acto simbólico de inauguración do novo centro de saúde da Valenzá e de cesión á Xunta duns terreos máis adecuados para a súa construción.

No transcurso deste acto denunciaron en primeiro lugar que o PP leva desde o ano 2002 prometendo a inminente construción deste Centro de Saúde imprescindíbel para unha adecuada atención ás necesidades da poboación. Xosé Manoel Fírvida, candidato á alcaldía recordou que “desde o ano 2002 cada vez que hai un proceso electoral o PP anuncia a licitación destas obras polo que os e as veciñas empezan a estar cansos de que lles tomen o pelo mentres o centro de saúde nunca chega”.

Por outro lado lembrou que tanto a veciñanza coma o BNG sempre cuestionaron os terreos escollidos para a súa construción, “son os terreos peor situados da Valenzá, os mellores xa foron pasto da especulación, situados nun lugar de gran pendente, de dificil acceso para as persoas especialmente os maiores, con discapacidade ou para persoas con carriños de bebé, ademais de estar nunha zona de onde mesmo os vehículos de urxencias terían dificultades de acceso e evacuación” sinalou Fírvida.

O BNG presentou durante todos estes anos diversas alternativas que nunca foron atendidas polo goberno popular, por iso  fixeron unha recuperación simbólica dun espazo público que consideran idóneo para o centro de saúde. Fírvida apuntou “estes terreos públicos só se usan o día 2 de cada mes para instalar unha carpa para o polbo e contan con superficie suficiente, zonas de aparcamento e accesíbel para persoas e vehículos, polo que no que tarde en facerse a escritura comprometémonos a poñelos a disposición do Sergas para que empece a construír o centro de inmediato”.

Os servizos sanitarios son outro dos rotundos suspensos de 28 anos de goberno popular con graves carencias non só en infraestruturas senón tamén en medios persoais para unha poboación de máis de 10.000 habitantes.