Ramiro Rodríguez

Entrevista a Ramiro Rodríguez, candidato do BNG-Asembleas Abertas en Xinzo.

 

O candidato do BNG-Asembleas Abertas á alcaldía de Xinzo de Limia e actual edil Ramiro Rodríguez, quere converter Xinzo en referente da comarca.

Como definiría a situación actual do Concello de Xinzo?
Ramiro Rodríguez: “Logo doutros catro anos de goberno ‘popular’ os vicios históricos continuaron e víronse agravados: subas de taxas e impostos, contratación de afíns, adxudicación de obras e servizos a empresas ‘amigas’, escurantismo na toma de decisións, descontrol na xestión económica e incremento brutal da débeda definen a situación actual que padecen os veciños”.

Cal é o principal problema que teñen os veciños de Xinzo e como pensa vostede e o seu partido que poden solucionalo?
R.R.: “A raíz de moitos dos males que afectan ao Concello de Xinzo está no déficit democrático que existe e no personalismo dos actuais dirixentes. Só así se entende o aproveitamento que se fai dos recursos de todos para beneficio duns poucos, en temas como a contratación de persoal, a adxudicación de obras e servizos, etc.

Nós queremos un Concello ao servizo exclusivo dos intereses dos veciños e veciñas e aberto á súa participación na toma de decisións ao longo dos catro anos e conseguilo vainos levar exactamente cinco minutos, porque é unha cuestión de vontade e de compromiso”.

Que propostas de dinamización económica teñen para a localidade?
R.R.: “O obxectivo é que Xinzo exerza de capital e referente de toda a comarca, por iso o primeiro é converter o núcleo urbano nun centro comercial aberto e xunto a isto impulsar o Parque Empresarial con políticas activas para atraer empresas relacionadas co sector agrogandeiro. Por outra banda todo o patrimonio histórico de Xinzo esmorece no esquecemento dos gobernos dos últimos trinta anos, a súa posta en valor cun dobre obxectivo cultural e económico serviría para crear unha nova fonte de riqueza”.

Algunha infraestrutura que poría en marcha de chegar ao goberno?
R.R.: “Unha auténtica circunvalación ao núcleo de Xinzo que eliminase o tráfico pesado do centro da vila e permitise avanzar cara a unha auténtica humanización para conseguir o obxectivo de facer de Xinzo un centro comercial aberto”.

Como definiría a candidatura que presenta o BNG en Xinzo?
R.R.: “É unha candidatura de veciños e veciñas de Xinzo comprometidos cun xeito totalmente distinto de gobernar o Concello do que levamos padecido ata o de agora. Hai representantes de diferentes ámbitos, xente nova, independentes e persoas con experiencia e con coñecemento para xestionar a institución municipal dende o minuto un”.

Pactaría con algún outro partido dos que se presentan?
R.R.: “O noso obxectivo non é o goberno a calquera prezo, mais a situación democrática de Xinzo está nun nivel tan baixo que estaríamos dispostos a falar con calquera que garantise un troco radical no xeito de gobernar, a partir de aí as prioridades son dúas: o saneamento das contas e o impulso da economía. O BNG é un forza nacionalista de esquerdas, esas son as nosas coordenadas, mais pensamos que habería terreo de encontro con outros partidos”.

A un habitante de Xinzo, como o convencería de que o votase este 24 de maio?
R.R.: “Convidándoo a que colla un recibo da contribución de hai catro anos e o compare co de 2015, os responsabeis da abismal diferenza entre un e outro teñen nome e apelidos e preséntanse ás eleccións. Votar por eles activamente ou quedar na casa e perder a oportunidade de contribuir a un cambio de goberno significa, entre outras cousas, avalar esta política de incremento indiscriminado da presión fiscal”.