Francisco García

Entrevista a Francisco García, candidato do BNG en Allariz.

O candidato do BNG-AA en Allariz e actual rexedor municipal, Francisco García, descóbrenos parte do seu programa, co que aspira a seguir na alcaldía.

En que mellorou Allariz desde que vostede é alcalde?
F.G.: “É unha obra colectiva, pero nestes anos Allariz ten avanzado nunha transformación positiva da que todos nos sentimos orgullosos e con confianza no futuro do noso Concello”.

Como definiría a situación actual de Allariz?
F.G.: “É un concello que avanza cun proxecto estratéxico claro centrado na dinamización económica e a calidade de vida”.

Cal é o principal problema que ten Allariz e como o solucionará de continuar no goberno?
F.G.: “A recuperación do mundo rural. Superar o abandono do medio rural non é sinxelo só con medidas do Ggoberno municipal, pero o Concello de Allariz ten un compromiso firme con todas as iniciativas que axuden á súa recuperación e dinamizacion”.

Que propón o BNG para a dinamización económica de Allariz?
F.G.: “A acción do Goberno municipal nacionalista nestes anos permitiu contar cun importante sector servizos, xerador de riqueza e emprego, con proxectos singulares como o centro de tendas outlets no casco histórico, o acondicionamento para actividades comerciais de antigas fábricas de curtidos e muíños, o Festival Internacional de Xardíns e a recuperación das ribeiras do Arnoia, a potenciación do conxunto histórico.

A oferta museística e unha política ambiciosa de eventos ao longo do ano reforzan a capacidade de atracción do noso Concello e contribúen á dinamización económica.

Do mesmo xeito, vimos apostando por impulsar proxectos de desenvolvemento local, de valorización dos nosos produtos máis tradicionais (doces, licores, embutidos, mel, amendoados, empanadas), novos produtos (leite ecolóxico, carne de boi, castaña, queixo do Rexo, cervexa artesá, xabón con leite de burra, marmeladas, cogomelos, produtos da horta), artesáns (madeira, coiro, esmalte, cerámica, ourivaría, liño) e actividades plásticas (pintura, escultura, serigrafía).

Tamén prestamos especial atención á dinamización do mercado semanal da Reserva da Biosfera, ás feiras e eventos de promoción, e ao apoio ás iniciativas privadas que se desenvolveron no sector primario para frear o abandono do medio rural.
Ao mesmo tempo, apostamos por promover o solo industrial e comercial municipal para dar a coñecer as vantaxes comparativas en prezo e situación do parque empresarial de Chorente.

E no ámbito do comercio e turismo, buscamos abrir unha rede de espazos comerciais coa marca Allariz para a venda e promoción dos nosos produtos; elaborar selos de calidade tanto para a produción local, como para as concesións municipais e o comercio e hostalaría privada que de-sexe adherirse; incrementar o número de eventos ligados ao programa “Allariz Sabe”; e continuar coa revalorización de Santa Mariña de Augas Santas con novas escavacións en Armea e coa elaboración dun Plan Director dos recursos da parroquia”.

Como definiría a lista do BNG en Allariz?
F.G.: “É unha lista con experiencia e novas incorporacións, con toda a ilusión para traballar por Allariz e por Galiza con honestidade, co desexo de mellorar a realidade ao servizo do pobo”.

Pactaría con algún outro partido para gobernar?
F.G.: “Aspiramos a recibir o apoio suficiente para aplicar o noso programa de goberno”.

A un veciño de Allariz, como o convencería de que o votase?
F.G.: “Pondo en valor o traballo realizado no Concello de Allariz e ofrecendo un programa de goberno ilusionante para os vindeiros anos”.