Agustín Fernández

O actual rexedor indica que no prazo dun mes pode estar lista unha proposta definitiva de resolución de alegacións e os informes preceptivos.

En vésperas das eleccións municipais, o actual alcalde de Ourense, Agustín Fernández, que non repetirá mandato, mandou recado á corporación que saia das votacións do 24 de maio: “é fundamental para quen goberne a aprobación provisional e definitiva do PXOM”. Así, Fernández afirmou en rolda de prensa que a nova normativa está xa encarrilada, polo que no prazo dun mes desde a toma de posesión do novo goberno (marcada para o 13 de xuño) estaría dispoñible xa unha proposta definitiva de resolución de alegacións e os informes preceptivos.

“O traballo difícil está feito”, opinou, e engadiu que se hai unha corporación “estable”, o novo Plan Xeral pode estar aprobado no prazo dun ano.

O político socialista non eludiu as críticas ao PP, do que dixo que lle “chirría bastante” que “quen xerou o gran problema” coa anulación do PXOM de 2003 sexa agora “o que queira resolvelo”.

Preto de seis mil alegacións
Agustín Fernández tamén indicou que 2 de cada 3 alegacións presentadas se poderán aprobar, e todas elas recibirán unha contestación motivada. En total foron 5.745 as alegacións formuladas ao PXOM trala exposición pública entre novembro de 2013 e febreiro de 2014. Unha boa parte delas, 1.984, refírense a edificios fóra de ordenación, outras 1.868 a clasificación de solo en núcleos rurais, ao redor de mil ao soterramento da ronda bulevar na praza da Lexión, e do resto, un número importante fan referenza a alturas de edificacións ou dotacións urbanísticas.

En particular, para aqueles edificios fóra de ordenación o Concello pretende aprobar unha normativa que os ampare, ao igual que se fixo noutros municipios galegos, apuntou o alcalde. No que se refire á edificabilidade nos núcleos rurais, aceptaranse as alegacións para permitir construír no solo próximo aos núcleos existentes, pero “o solo illado non poderá ter natureza de solo edificable”. Con respecto á ronda bulevar, o Concello dará resposta á petición veciñal deixando sen efecto o trazado previsto no Plan Xeral e remitindo a solución –a través dun posible soterramento- á redacción dun Plan Especial.

61 informes
O rexedor socialista tamén informou de que a nova normativa urbanística conta con 61 informes sectorais, dos cales 29 teñen carácter preceptivo. Destes, “os máis importantes están totalmente desbloquedos”, dixo Fernández en referenza aos informes da Confederación Hidrográfica e Demarcación de Estradas do Estado.