Luz Doporto

Entrevista a Luz Doporto, candidata do PP en Allariz.

 

Ten 43 anos, é licenciada en Psicoloxía e na actualidade é autónoma. Luz Doporto é a candidata do PP á alcaldía de Allariz.

Como definiría a situación actual de Allariz?
L.D.: “De retroceso. Nestes últimos catro anos, desde o goberno do BNG, en Allariz non se realizou nin un só proxecto de dinamización turística nin cultural, nin de desenvolvemento industrial. Investimento cero.

Allariz, neste momento, en mans do BNG, sobrevive a duras penas para pagar a débeda acumulada. O único que recibimos os veciños de Allariz foi unha desmesurada suba de impostos e taxas municipais. Por exemplo, os impostos incrementáronse simultaneamente nun 40% o IBI, 20% os lixos, ou un acumulado dun 63% de auga, supondo todo iso uns 100 euros por familia”.

Cal é o principal problema que ten Allariz e que solución propón o Partido Popular?
L.D.: “O principal problema que ten Allariz neste momento é a débeda e o desemprego. Somos o terceiro concello da provincia con mais débeda.

Para solucionalo nós levamos no programa unha serie de liñas de actuación imprescindibles para salvar este escollo e que Allariz volva brillar como brillaba hai uns anos. Reduciremos drasticamente as dedicacións exclusivas, somos o cuarto concello de Galicia con máis dedicacións exclusivas, e isto é insustentable.

Eliminaremos todas as empresas municipais que dean perdas, o labor que se supón desenvolven pódese realizar desde o Concello directamente.

Reduciremos ou eliminaremos as asignacións a grupos políticos, e eliminaremos gastos protocolarios innecesarios.
Farase todo o que sexa necesario e que non afecte en absoluto á calidade de vida dos veciños nin aos seus petos”.

Que propostas ten o PP para a dinamización económica de Allariz?
L.D.: “Neste marco e coa situación económica actual, os nosos esforzos deben centrarse nas políticas de desenvolvemento encamiñadas a xerar emprego. As persoas e o traballo deben converterse no eixo principal da actividade política.
Somos realistas, e desde a humildade e a serenidade, queremos trasladar con total convición e firmeza, que no Partido Popular de Allariz temos un proxecto realizable para facer avanzar Allariz. Temos un equipo solvente, comprometido e capaz para levalo a cabo. Somos conscientes da dificultade, pero é posible reconducir a situación de parálise económica na que Allariz se atopa.

E imos facelo cun programa austero, cunha xestión eficaz, que nos permita baixar de forma progresiva os impostos. Baseándonos na responsabilidade e no esforzo de que con confianza, autoestima e traballo duro pódese saír adiante”.

Como definiría a lista que presenta o PP en Allariz?
L.D.: “Como un equipo solvente, capaz e comprometido para levar a cabo o cambio necesario en Allariz”.

Pactaría con algún outro partido para gobernar?
L.D.: “Se fose bo para Allariz e o benestar de todos os veciños, e necesario para acabar coa hexemonía do BNG, sen tocar os nosos compromisos básicos cos que nos presentamos ante os veciños, si o faría”.

A un veciño de Allariz, como o convencería de que a votase?
L.D.: “Dicíndolle que en min vai atopar a unha alcaldesa centrada nas persoas, nos seus problemas. A miña profesión baséase fundamentalemente en escoitar cos cinco sentidos, pois iso é o que vai atopar en min. Vaise sentir escoitado e apoiado. Se un veciño ten un problema ese é o meu problema. Ofrézolle seriedade, rigor, igualdade de oportunidades para todos e transparencia”.