José Luis Ferro

Entrevista a José Luis Ferro, candidato do PP en Celanova.

 

José Luis Ferro chegou á alcaldía de Celanova en outubro de 2012 para substituir a Antonio Mouriño, que pasou a ser diputado no Parlamento galego. Neste tempo continuou cos proxectos xa iniciados; agora pide unha oportunidade para escribir o futuro de Celanova da súa propia man.

En que mellorou Celanova desde que vostede é alcalde?
J.L.F.: “Loxicamente, en pouco máis de dous anos e coas circunstancias atípicas que me tocaron vivir non se deron as condicións idóneas para poder iniciar camiños novos. Iso non significa que non fixeramos cousas, algunhas xa previstas e outras propostas por min, en colaboración con outros concellos. O fundamental foi que neste tempo fomos capaces de sacar o día a día e agora chega o verdadeiro tempo de planificar o futuro de Celanova”.

Como definiría a situación actual de Celanova?
J.L.F.: “Se dixera que a situación actual é boa mentiría, porque a situación en xeral da sociedade de a pé non o é, nin en Celanova, nin en Ourense, nin en Galicia, nin en España. Pero penso que estamos ben posicionados para poder encarar o futuro con optimismo. Celanova ten personalidade propia e vai xogar un papel fundamental no conxunto do futuro da provincia de Ourense, como referente dun turismo cultural”.

Cal considera que é o principal problema que ten Celanova?
J.L.F.: “Temos non un, senón tres problemas que debemos visualizar como un conxunto. Un demográfico, outro de carencia de prazas hoteleiras e un terceiro de ausencia de actividade no sector primario. Os tres están enlazados.
A solución pasa pola posta en valor dos nosos produtos autóctonos, a promoción cultural e turística e a construción dun hotel, todo isto xerará emprego e aumentará poboación”.

Que propostas ten para a dinamización económica do concello?
J.L.F.: “Turisticamente temos que ser un referente cultural da provincia e para iso precisamos unha oferta hoteleira, que sexa capaz de transformar os visitantes actuais en turistas. Temos que recuperar a actividade agraria e forestal alternativa. E tamén de-senvolver algún proxecto no que estamos traballando xa, relativo ás TIC (Tecnoloxías da Información e Comunicación) para asentar poboación nova no concello”.

Como definiría a lista do PP en Celanova?
J.L.F.: “Estou moi satisfeito coas persoas que integran a nosa candidatura, penso que logrei conxugar a experiencia de goberno que teñen algunhas persoas coa xuventude doutras, que sei que van achegar frescura e novas ideas que van ser fundamentais para levar a cabo o proxecto que temos para Celanova”.

Pactaría con algún outro partido para gobernar?
J.L.F.: “A experiencia de vida dime que nunca nos debemos pechar ao diálogo, pero dito isto, tamén espero que o apoio dos meus veciños faga innecesaria esta posibilidade”.

A un veciño de Celanova, como o convencería para que o votase?
J.L.F.: “Dende que estou na alcaldía vivín situacións moi complicadas e delicadas, grazas a Deus e ao meu equipo fun capaz de finalizar este mandato e adquirín moita experiencia. Por todo iso, pídoche unha oportunidade para gobernar catro anos máis sen ataduras de ningún tipo e demostrareiche a miña capacidade de xestión. Ti coñécesme e sabes que cumprirei a miña palabra. Conto contigo o 24 de maio!”