Vázquez Barquero

Entrevista a José Ángel Vázquez Barquero, candidato do PSOE á alcaldía de Ourense.

 

Quen é José Ángel Vázquez Barquero?
José Ángel Vázquez Barquero: “É unha persoa normal e corrente que neste momento se presenta á alcaldía de Ourense”.

Que balance fai da xestión do Goberno socialista?
J.A.V.B.: “Un balance positivo porque no plano financieiro fomos quen de reducir significativamente a débeda do concello; relanzamos as políticas de benestar e sociais, creamos unha serie de centros cívicos… E despois no plano urbanístico rachamos coa especulación que imperaba na época do PP e de Cabezas”.

Díganos unha proposta que leve no seu programa que se poida aplicar desde o minuto 1 se é alcalde.
J.A.V.B.: “Vai ser crear unha fronte interinstitucional para defender os proxectos de cidade no exterior. A chegada do AVE, a estación intermodal, bulevar termal, ronda bulevar, centros sanitarios… por falar dalgúns que dependen da Xunta e da Administración central e nós pretendemos acadar un pacto coas institucións públicas e privadas da nosa cidade e provincia para defender conxuntamente os intereses de Ourense”.

Sobre o PXOM, que fará co documento que se está a tramitar?
J.A.V.B.: “A tramitación ten que continuar. Houbo unha aprobación inicial, abriuse un prazo de alegacións e informes sectorais doutras administracións e seguiremos o procedemento establecido legalmente. Se nalgún momento vemos que non hai consenso político e cidadán, replantexaríamos a cuestión pero en principio desde o punto de vista administrativo ten que seguir avanzando”.

É dicir, contestaríanse as alegacións…
J.A.V.B.: “Si, neste momento está o equipo redactor elaborando un informe para contestar as alegacións e os informes doutras administracións”.

As contratas municipais, funcionan ben?
J.A.V.B.: “Nós estamos facendo sistematicamente unhas auditorías e ao mesmo tempo estanse pasando enquisas sobre como ven os cidadáns o cumprimento, e dan unha valoración positiva; as contratas en termos xerais están funcionando.
Outra cuestión é que temos que ter moito máis coidado co cumprimento da prestación dun servizo e temos que estar enriba do desenvolvemento da contrata.Imos facer unha análise moi pormenorizada do grao de cumprimento dos servizos e a partir de aí veremos”.

Falou da posibilidade de remunicipalizar servizos.
J.A.V.B.: “Estamos a falar de contratos vixentes, de leis de rango superior ás que estamos sometidos relativas a que o Concello non pode asumir novas contratacións e que ten un teito de gasto e hai moitos máis elementos á hora de plantexar remunicipalizar que entran na toma de decisión. Analizaremos detidamente todos estes aspectos e tomaremos a decisión máis axeitada”.

Ten o Concello a plantilla que necesita?
J.A.V.B.: “A miña opinión é que o Concello necesita prestar máis servizos dos que presta e necesita non só manter a plantilla senón aumentala”.

Estaría disposto a implantar un sistema de control de horarios para os funcionarios?
J.A.V.B.: “Iso xa está previsto desde fai moito tempo; non é que eu estea disposto é que ten que ser así. Eu o teño claro, o importante é a calidade dos servizos que se prestan, eu penso que neste momento o Concello presta un bo servizo aos ourensáns”.

Contrataría un familiar como asesor se é alcalde?
J.A.V.B.: “Por suposto que esa é unha decisión que eu non contemplo. Non hai na miña familia ningunha persoa que teña capacidade para prestar asesoramento ao Concello”.

Os impostos municipais deben subir, baixar ou manterse?
J.A.V.B.: “Nos últimos anos plantexamos unha conxelación de impostos porque era o que nos estaba a permitir ir diminuindo a débeda. O que si temos moi claro é que cando a débeda estea en niveis moderados é cando hai que plantexar rebaixas de impostos”.

Cando foi a última vez que viaxou en bus urbano?
J.A.V.B.: “Eu ando á pé pola cidade”.

Como solucionaría o problema do transporte metropolitano?
J.A.V.B.: “Estamos absolutamente convencidos de que é necesario que haxa transporte metropolitano pero non podemos asumir o plantexamento que fai a Xunta, que pretende que o Concello claudique nas súas competencias”.

Cal é a proposta socialista, entón?
J.A.V.B.: “Non é unha cuestión de propostas; o que non pode plantexar a Xunta é crear un consorcio, sendo nós os que achegamos a maioría dos veciños e a maior cantidade de competencias, e non teñamos unha representación axeitada”.

Deben xogar as asociacións veciñais un papel na política municipal?
J.A.V.B.: “Xa xogan, e ese papel hai que reforzalo considerablemente. A ligazón entre o Concello e as asociacións ten que ser moito máis estreita, teñen que ter fío directo co Concello, específicamente co alcalde, temos que reforzar a área de participación cidadá e temos que darlle un peso maior aos veciños na toma de decisións”.

Os políticos ourensáns non deron este mandato unha imaxe moi boa nos plenos.
J.A.V.B.: “Non todos, non podemos meter a todos no mesmo saco, hai que poñer nomes e apelidos enriba da mesa. Houbo dúas forzas, PP e DO, que foron os principais instigadores do goberno porque non lles interesaba a gobernabilidade, porque estaban a desenvolver unha estratexia de acoso e derribo. Os seus portavoces foron extraordinariamente duros no fondo e nas formas”.

Pero funcionan os plenos?
J.A.V.B.: “A miña opinión é que son excesivamente alongados, dame a sensación de que os portavoces da oposición veñen a lucirse”.

Cal é a súa postura sobre os políticos imputados?
J.A.V.B.: “O que me corresponde nesta campaña electoral é falar de proxecto político. E sobre as imputacións temos un código ético que eu asumín perfectamente”.

Está o PSOE aberto a pactos?
J.A.V.B.: “Nós aspiramos a acadar a maioría absoluta. Se ao final ese escenario non se plantexa, nós, en canto ao que é o goberno, unicamente acadaremos pactos con forzas progresistas.

Outra cuestión son pactos puntuais para acadar consensos, aí o noso posicionamento é claro: unha prioridade para a gobernabilidade da cidade é que saian adiante proxectos estratéxicos para Ourense”.