Jesús Vázquez

Entrevista a Jesús Vázquez, candidato do PP á alcaldía de Ourense.

Quen é Jesús Vázquez?
Jesús Vázquez: “É un ourensán, fillo de emigrantes, que ama a Ourense, que está ilusionado con este novo reto, que quere ser alcalde para buscar solucións e xestionar os problemas da cidade”.

Díganos unha proposta que leve o PP no seu programa que se poida aplicar desde o minuto 1 se é alcalde.
J.V.: “A normalidade e a honestidade e a honradez cos nosos veciños”.

E un servizo do Concello que funcione ben agora e mantería se goberna?
J.V.: “É difícil; os plantexamentos que están a funcionar se deben en certa medida ao gran labor dos funcionarios porque sen ter unhas pautas levan desenvolto un traballo encomiable nestes últimos catro anos”.

Falando de funcionarios, cre que o Concello de Ourense ten a plantilla que necesita?
J.V.: “Non, evidentemente non. Nin pola propia estrutura nin pola propia demanda de colectivos como bombeiros ou Policía Local; neses servizos é necesario (ampliar a plantilla) obrigatoriamente para cumplir a normativa”.

Vería ben implantar un sistema de control de horarios para os traballadores municipais?
J.V.: “Creo que aos traballadores hainos que ilusionar e motivar. Cando alguén marca as pautas e se poñen enriba da mesa proxectos e se ilusiona aos funcionarios, os traballadores implícanse enormemente. Eu teño a experiencia de traballadores na Consellería de Cultura e Educación onde desde logo 10, 12 horas as pasaban nos seus despachos, eran os primeiros en estar aquel tempo que se precisaba”.

Contrataría un familiar para o seu equipo de asesores?
J.V.: “Non”.

Sobre o PXOM, que faría o PP co documento que se está a redactar?
J.V.: “É un documento moi importante que debe de dar seguridade xurídica aos veciños e aos inversores, que ten que buscar ese modelo de cidade accesible e humana, que aproveite e protexa as nosas potencialidades e recursos. Aproveitaremos aquilo que se poida aproveitar, habida conta do investimento que se leva feito, pero por outro lado buscaremos o diálogo e o consenso”.

A previsión de vivendas é acaída para Ourense?
J.V.: “Creo que hai que ser ambiciosos, porque se non podemos incurrir en que o pouco terreo que se pon a disposición encareza as vivendas enormemente, dificulte a construción e falemos de que os veciños de Ourense se vaian a cidades dormitorio polo custo”.

As contratas municipais, funcionan ben?
J.V.: “Evidentemente non cando hai tantas e tantas queixas. Cremos necesario crear unha oficina que controle o cumprimento das obrigas das partes e dos pregos”.

Os impostos municipais deben subir, baixar ou manterse?
J.V.: “Subir desde logo que non, levamos un compromiso claro de non subir os impostos. E en función das circunstancias do Concello analizaríamos a posible baixada de taxas, xa levamos propostas concretas para licenzas de apertura, o plan de pagos anuais que se pode poñer aos veciños en función das súas posibilidades… Levamos compromisos claros, aqueles que poidamos cumprir”.

Cando foi a última vez que viaxou en bus urbano?
J.V.: “Hai menos dunha semana, fun ao hospital.”

Que propón o PP para o transporte metropolitano?
J.V.: “Nós comprometémonos a poñer toda a vontade para poñelo en marcha. Hai un modelo que se está a seguir noutras cidades e houbo unha falta de vontade por parte do Concello, poñendo trabas, plantexando un modelo inviable, porque no momento que pos ese intercambiador fóra da cidade estás convertendo un traxecto de 10 minutos en media hora”.

Apoia a continuidade do calendario de eventos culturais que hai na cidade?
J.V.: “Si, entendemos que hai que apoiar o calendario de eventos que hai. Coidemos primeiro o que temos antes de poñer en marcha novos proxectos. Aqueles proxectos que están a funcionar, que levan o nome de Ourense fóra, que atraen espectadores e turismo, manteñámolos e potenciémolos”.

Cal debe ser o papel que deben xogar as asociacións veciñais na política municipal?
J.V.: “Fundamental. Teñen que xogar un papel moi importante; comprometémonos a traballar da man, escoitalas e que tomen a voz tamén no pleno. Queremos uns orzamentos participativos onde a cidadanía tamén forme parte da decisión”.

A imaxe dos políticos que se deu nos plenos neste mandato igual non foi moi boa…
J.V.: “Igual non, foi o que supuxo o avergoñamento e o distanciamento da inmensa maioría dos cidadáns do político local”.

Que propón para que non se repita?
J.V.: “Iso vai nas propias persoas, e aí é onde a cidade ten que saber ben quen quere que o represente. Porque ao final o que se está decidindo o día 24 é aquela persoa e grupo de persoas que quere que xestionen a súa cidade, que lle dean resposta aos seus problemas. O PP actuará seriamente e con respecto á cidadanía”.

Cal é a súa postura sobre os políticos imputados?
J.V.: “Creo que hai que saber diferenciar o que é un imputado, unha persoa que pode ser investigada, dun culpable… Unha imputación pode caer sobre calquera persoa e non por iso hai que culpabilizar, hai que deixar actuar á xustiza. Todos os partidos temos que xogar limpamente e deberíamos establecer un pacto e non xogar con estas cuestións.
Tamén o digo: aquel político que roubou o primeiro que ten que facer é devolver os cartos e aquela persoa que é impropia debe de abandonar a política”.

No escenario que se abra tralo 24M, está o PP aberto a pactos?
J.V.: “Creo que o PP vai sacar maioría absoluta para a gobernar. En todo caso, que teñas maioría absoluta non é condición para que non intentes dialogar e chegar a acordos con outras forzas políticas. Esa é a mensaxe que se nos está a pedir: sentidiño e colaboración”.