Presentación da gala Xacarandaina

Xacarandaina, Gala do Patrimonio Inmaterial que se celebrará o vindeiro sábado no Auditorio Municipal á partir das 21.30 h.

O espectáculo ten como finalidade promover e dar visibilidade á petición que se vai facer perante o Ministerio de Cultura da declaración do Ben de Interés Cultural, para posteriormente presentar a candidatura de Baile e música de Galicia a Patrimonio Inmaterial da Humanidade perante a Unesco. Á presentación asistiron a Concelleira de Cultura, Ana Garrido, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil.

O baile tradicional é unha das artes máis importantes de Galicia. A súa música, a súa riqueza de movementos e coreografías, a súa dificultade e a cantidade de persoas que o practican, non só en Galicia senón en todo planeta fan del un dos bailes folclóricos máis importantes e interesantes a nivel mundial.

Na gala do sábado no Auditorio Municipal, mesturaranse baile, músicas e vestiarios do Grupo de Música e Baile Tradicional Xacarandaina con actuacións de xentes do pobo que viviron o noso folclore e foron quen de gardalo, sendo os verdadeiros transmisores e baluartes da riqueza e autenticidade das nosas artes inmateriais.