Leopoldo Rodríguez

Entrevista a Leopoldo Rodríguez, candidato á alcaldía de Celanova polo BNG.

 

Logo de máis de dúas décadas de goberno popular en Celanova, dende o BNG-AA alertan da necesidade dun cambio. Leopoldo Rodríguez, candidato á alcaldía, achéganos as propostas dos nacionalistas para mellorar as perspectivas de futuro do concello.

Como definiría a situación actual de Celanova?
L.R.: “Como un concello ensumido no máis profundo inmobilismo e atraso que precisa un cambio político urxente”.

Cal considera que é o principal problema que ten Celanova e que solución propón o BNG?
L.R.: “As políticas levadas a cabo durante estes últimos 25 anos polo Partido Popular foron metendo a Celanova nun devalar que, de non poñerlle remedio urxente, acabará por converter á vila nunha gran aldea e chea de casas en ruínas, cando antes foi un municipio próspero e referente na provincia e mesmo en Galiza”.

Que propostas ten para a dinamización económica de Celanova?
L.R.: “Hai uns piares básicos:

1. Concello aberto: fronte ás políticas que poñen o Concello ao servizo dos seus intereses persoais e partidarios, o BNG-AA poráo ao servizo de toda a cidadanía. Defensa da igualdade de oportunidades atendendo aos principios de igualdade, mérito e capacidade.

2. Potenciación do medio rural: a posta en valor do sector primario é esencial para asentar poboación e fomentar o asociacionismo e o comercio de proximidade.

3. Patrimonio cultural e natural: potenciación e posta en valor do noso patrimonio cultural e natural. Recuperación de edificios emblemáticos (reitoral de Castromao, prisión de Celso Emilio Ferreiro, Claustro Barroco…). Creación da senda verde do río Sampil e dotación dunha zona de baño, aproveitando a estación de autobuses para dedicala a esta actividade, encamiñadas á promoción turística de Celanova e a súa contorna.

4. Creación de emprego: fomento e impulso dende o Concello de todas as iniciativas emprendedoras coa creación dunha oficina de asesoramento. E promoción de feiras con produtos locais encamiñadas á creación dunha marca rexistrada.

5. Servizos de ocio: incremento dos servizos de ocio para toda a cidadanía, potenciando actividades deportivas para todas as idades. Creación de sendas peonís nas estradas OU 531 (dirección a Gandarela e Xinzo de Limia) e N-525 (de Celanova ao Cristal). Construción dunha piscina climatizada. Construción pista de patinaxe. Mellora das instalacións deportivas existentes (cancha de baloncesto e cancha de tenis). Recuperación da subida automobilística a Celanova. E homologación a nivel estatal da carreira nocturna.

6. Mocidade: creación dun espazo para a mocidade dedicado a reunións, orientación, exposicións e mesmo un local de ensaio e gravación de traballos audiovisuais Oferta de formación continua con cursos e xornadas. Facilidades e subvencións para a compra ou alugamento de vivendas para a mocidade. E implantación do modelo sustentable nas festas do Concello e fomento de vasos reciclables”.

Como definiría ao resto de persoas que compeltan a lista do BNG en Celanova?
L.R.: “Xente honesta, ilusionada, comprometida co seu concello e que dá un paso adiante porque ve que Celanova precisa do seu esforzo e da súa valía para poder saír do atraso en que a meteron outros, durante tantos anos”.

Pactaría con algún outro partido para gobernar?
L.R.: “Non contemplamos outra opción que non sexa gobernar con maioría, porque temos todo o que se precisa: xente tremendamente válida, programa cuns obxectivos claros, ideas, ilusión, compromiso e honestidade. En todo caso, chegado o momento tomaremos a decisión máis beneficiosa para Celanova”.

A un veciño de Celanova, como o convencería de que o votase?
L.R.: “Presentámoslle a candidatura e o programa do BNG–Asembleas Abertas de Celanova para as eleccións do 24 maio. Un programa que prioriza o progreso e dinamización da vida do noso concello, coa finalidade de convertela nun referente provincial e nacional.

Precisamos da colaboración de toda a cidadanía para que se poida converter en realidade este proxecto de futuro, porque ao fin e ao cabo os mesmo sempre farán o mesmo”.