María Jesús Boo

Entrevista a María Jesús Boo, candidata do PSOE en Celanova.

 

María Jesús Boo, candidata do PSOE á alcaldía de Celanova, teno claro: o Concello cambiou de alcalde pero non de estilo de goberno. Como alternativa, os socialistas presentan propostas innovadoras en materia de turismo e comercio.

Como definiría a situación actual de Celanova?
M.J.B.: “Involucionista. Houbo un cambio na persoa do alcalde, pero as ideas, as políticas e a súa xente é a mesma que a de Mouriño. Están instalados na vella política, sen capacidade para negociar nin para gobernar. É un goberno que non está de acordo cos tempos e iso é un lastre para a sociedade celanovense”.

Cal considera que é o principal problema que ten Celanova e que solución propón o PSOE?
M.J.B.: “Celanova necesita unha transformación, un impulso modernizador que ten que facer a iniciativa pública, dende o Concello creando as condicións necesarias para que dunha vez por todas a iniciativa privada camiñe na senda do crecemento. Con crecemento hai poboación, emprego, ventas.
Ademais, debemos recuperar os servizos sociais para que sexan xestionados directamente polo Concello, chegarán a máis beneficiarios e crearase máis emprego”.

Que propostas ten para a dinamización económica de Celanova?
M.J.B.: “Unha das propostas do PSOE de Celanova é o Proxecto de Transformación Urbana “Camiño da luz”, con financiamento a través de fondos europeoas, que vai supoñer o impulso modernizador e transformador que nos posicionará nas redes e nos touroperadores, e que impulsará a instalación dunha cadea hoteleira. Traeranos riqueza económica e turística.
Imos priorizar o comercio, a hostalería e as empresas creando para eles unha concellería exclusiva, con orzamento propio e ventá única; tamén faremos unha busca activa de empresas e promocionaremos as existentes no polígono .
Ademais, crearemos unha indicación xeográfica protexida para produtos lácteos e impulsar a fruticultura e horticultura ecolóxica.

E sacaremos un novo PXOU adaptado ás necesidades actuais”.

Como definiría ao resto de persoas que completan a lista do PSOE en Celanova?
M.J.B.: “É unha lista para gobernar que combina experiencia e novidade. Incorporamos sete personas novas, libres, formadas e competentes que nos fixeron recuperar a ilusión. Somos xente perseverante, traballadora e progresista, capaces de eliminar o pensamento retrógrado que nos irradian dende o Concello” .

Pactaría con algún outro partido para gobernar?
M.J.B.: “Traballamos para levar a cabo o noso proxecto , pero si pactaríamos con outra forza de esquerda porque negociar multiplica as ilusións, as ideas e os resultados”.

A un veciño de Celanova, como o convencería de que a votase?
M.J.B.: “Neste pobo leva gobernando o PP máis de 24 anos, e os resultados están a vista. Pedímoslle que lle dea luz ao seu futuro e que confíe no noso proxecto. Por unha vez cámbianse as promesas por un proxecto claro e firme”.