Miguel Doval

Entrevista a Miguel Doval, candidato de Ourense en Común á alcaldía de Ourense.

 

Quen é Miguel Doval?
Miguel Doval: “É un cidadán de Ourense de toda vida, que naceu na rúa do Paxaro, que fixo os seus estudos aquí e sigue en Ourense”.

Díganos unha proposta que leve no seu programa que se poida aplicar desde o minuto 1 se chega a gobernar.
M.D.: “A bandeira de Ourense en Común, a participación da cidadanía, que practicamos desde que empezamos con este proxecto”.

E un servizo que funcione ben e que non cambiaría.
M.D.: “É difícil… posmo complicado. Digamos que as festas tradicionais”.

Apoia a continuidade do calendario de eventos culturais que se organizan?
M.D.: “Previo estudo de cada un deles e adaptación á realidade local”.

Que propón Ourense en Común sobre o PXOM en redacción?
M.D.: “Poñelo en marcha de xeito inmediato, aproveitando o que está feito e retocándoo un pouco. É fundamental sacalo adiante xa porque é unha fonte de xeración de emprego e dun montón de inicativas”.

A previsión de vivendas que fai é acaída para a cidade?
M.D.: “Nós queremos un Ourense diferente, humano, e a previsión de vivenda ten que adaptarse á realidade de Ourense: unha poboación envellecida, cada vez somos menos e non podemos seguir construíndo para ter as vivendas baleiras”.

Como están funcionando as contratas municipais?
M.D.: “De xeito oscurantista, e un dos obxectivos de Ourense en Común é remunicipalizar moitos dos servizos. Pensamos nos servizos como un ben común non como unha conta de resultados”.

Cando foi a última vez que viaxou en bus urbano?
M.D.: “Fai dous días. A xente que me coñece sabe que uso o transporte urbano e vou a pé practicamente a diario”.

Que propón OueC para o transporte metropolitano?
M.D.: “Fixemos un traballo exhaustivo sobre o transporte público e vemos un desorde alarmante de buses que percorren desde a avenida de Santiago ao Posío cunha intensidade impresionante e barrios como o do Couto onde non hai. Sobre o metropolitano témolo claro: intercambiadores nas aforas conectados co transporte público local”.

Cre que o Concello ten a plantilla que necesita?
M.D.: “Formará parte desa auditoría que faremos ao entrar. Tivemos unha reunión cun sindicato da Policía Local e é alarmante os ratios que están establecidos e a realidade de Ourense”.

Implementarían algún sistema de control de horarios para os funcionarios?
M.D.: “Entendemos que hoxe tal e como está o Concello hai unha desmotivación xeralidade e haberá que animalos a que Ourense é de todos”.

Contrataría un familiar como asesor?
M.D.: “Nunca. Pode que nun momento puntual haxa que facer unha consulta con persoal de confianza pero Ourense en Común se move a través de asembleas e non precisa de familiares”.

Os impostos municipais deben subir, baixar ou manterse?
M.D.:“Esa é a pregunta do millón. Ourense en Común non vai dicir que vai baixar os impostos. Propomos actualizar os valores catastrais das propiedades en Ourense, seguramente baixarán a maioría porque están super desfasadas”.

Teñen que xogar algún papel as asociacións veciñais na política municipal?
M.D.: “É unha ferramenta fundamental para o xeito que queremos nós da política, participativa, e teremos que sentarnos coas asociacións e racionalizalas”.

Neste mandato os plenos non deron moi boa imaxe da clase política ourensá.
M.D.: “Non é cuestión de plenos, é cuestión de respecto e de educación. Temos que ser educados, respectuosos, porque é a imaxe que damos no noso concello. Propomos o concelleiro 28, unha cadeira para un cidadán que no momento en que se faga unha obra ou algo importante no seu barrio poida opinar sen voto”.

Cal é a posición de Ourense en Común sobre os políticos imputados?
M.D.: “A xente que vai na lista ten un compromiso asinado de renuncia ao cargo e cesión da acta, desde o primeiro día. Xa non é só a imputación, senón unha sospeita fundamentada”.

Están abertos a pactos para gobernar Ourense?
M.D.: “Non temos feito cábalas sobre ningún tipo de pactos, será unha asamblea a que decida e en todo caso Ourense en Común non vai entrar nunca en intercambio de sillóns. Os pactos poden ser puntuais, en función dun servizo á cidadanía”.